Música, teatro, historia ou cocido: un sábado completo na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Zas destaca na axenda comarcal, con ata tres propostas neste día, todas ben variadas

18 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Sábado 18 de xaneiro, e ademais do ciclo Lendo Lendas en Muxía —ver esta entrevista—, outras propostas varias para esta xornada na Costa da Morte. Tome nota:

Concertos en Tella (Ponteceso) • O local social Os Seixos, en Tella (Ponteceso), acollerá das 20.30 horas en adiante, con acceso libre, a festa de presentación do festival Retella Fest, previsto para o verán. Actuarán esta noite os grupos Vynilo (Mallorca), Baila Cuchillo (A Coruña) e Q’Jazz Band (Pontecaldelas).

Triple cita en Zas • Intensa xornada a de hoxe no municipio soneirán. A cita máis madrugadora será ás 12.30 horas, diante do pazo de Follente, onde se descubrirá unha placa conmemorando o paso e aloxamento do cartógrafo Domingo Fontán, hai algo máis de 200 anos, por este lugar. Dende aquí iniciou a súa análise da Terra da Soneira e comezou tamén a expedición á costa durante a elaboración da Carta Xeométrica de Galicia. Acudirán, entre outros, o rexedor, Manuel Muíño, así como o historiador Xosé María Lema.

Tamén en Zas, pero no centro sociocultural, será hoxe tarde de baile para maiores, amenizado polo dúo Marineda, de 19.00 a 22.00 horas. Finalmente, ás 20.30, o auditorio acollerá a representación da obra de teatro A voltas co morto, do grupo Sen Tempo Teatro, da Escola de Teatro Municipal. Con ela rematará o programa de Nadal.

Presentación literaria en Cee • Ás 20.00 horas, no establecemento Rockcorner Bar, Francisco Rodríguez, exsecretario xeral da UPG e exdeputado no Congreso español, presentará o segundo tomo da súa historia do reino galego: Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, a segunda metade do século XIV. É un acto organizado dende o BNG de Cee, e acompañará ao autor o voceiro desta formación na localidade, Serxio Domínguez. Acceso libre.

Torneo de futbolín en BaioNa cervecería Mané, mais concretamente, en dúas quendas, ás 16.00 e 18.00 horas. Consulte no local para facer inscricións.

Obradoiro de poda na Laracha • Segunda quenda desta formación que está a ter tantísima demanda neste e outros municipios. As instalacións de Viveiros Amado acollen un novo curso de poda e enxerto, ás 10.00 horas. É preciso terse inscrito.

Conversas do rural no Inverno Ancestral de Senda Nova • Continúa esta novena edición do Inverno Ancestral da asociación ambiental. Ás 19.00 horas de hoxe, no Espazo da Natureza de Oza (Carballo), os que alí se acheguen escoitarán a Roberto Vilela e Manuel Ruibal, integrantes de Ecoloxías en Acción e Salvemos As Brañas.

Festa do Cocido de A Xolda, en Cores-Nemeño (Ponteceso) • Nin quince días pasaron dende Reis, mais na Costa da Morte xa comezan os cocidos. Para hoxe ás 14.00 horas promove un a asociación veciñal, cultural e deportiva A Xolda, de Cores-Nemeño. Incluirá pola tarde actuacións de La Bamba, La Diferencia e DJ Eclipse, ademais de pandeireteir@s da entidade. Máis alá da comida, dende as 17.30 a entrada será libre para todos. Haberá ata fogos de artificio!