As «Irmandades da Regueifala»: o futuro do idioma e da improvisación oral pasa polos máis novos

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

REGUEIFESTA

Así foi o primeiro Campus da Regueifa, celebrado a pasada fin de semana en Vilalba coa participación de 23 mozos galegos

21 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan boa foi esta primeira experiencia, que mesmo xurdiu un alcume para denominar a eses expoñentes da Nova Regueifa: son, apunta o docente e divulgador Manolo Maseda, algo así como as Irmandades da Regueifala.

Rematou en Vilalba a primeira edición dun Campus da Regueifa no que participaron 23 mozos chegados dende distintos puntos de Galicia. Vigo, Portosín, Monforte, Compostela... E Coristanco! A comarca de Bergantiños, que nos últimos tempos se vén afianzando como berce da improvisación oral, tivo tamén representante nesta novidosa iniciativa da man de Celtia Vázquez, alumna da Escola da Regueifa de Carballo.

Ao longo de tres días, os participantes compartiron experiencias como unha visita á casa de Manuel María, un grupo de traballo coa improvisadora Raquel Doallo ou un emotivo obradoiro con Sés, quen os instou a «empoderarse» como artistas e poñer en valor o que fan. «Non sodes conscientes da enerxía e da ilusión que nos dades, para sentir que hai un futuro non só para a nosa cultura, senón para unha humanidade que sente as tradicións e o colectivo», dixo a popular artista.

Así mesmo, os rapaces achegáronse á música electrónica e a novas formas de composición con Lara Lamontagne e participaron na filmación de recursos para pezas audiovisuais que se están a preparar sobre a regueifa ou o papel da muller nesta senlleira forma de improvisación oral en verso.

«É posible que esta rapazada estea a mudar este país», apuntan dende o proxecto Regueifesta, entidade organizadora do campus xunto co instituto Basanta Silva de Vilalba. A idea, indica pola súa banda Manolo Maseda, era «poñelos no foco, pois eles e elas son os protagonistas», sinala. Gardiáns dunha tradición centenaria e sentinelas da lingua galega.

Regueifesta

Ademais dos obradoiros, talleres e distintas actividades na que os 23 rapaces tomaron parte ao longo da fin de semana, o venres celebrouse, a modo de acto inaugural, unha Regueifesta que estivo presentada pola asociación Xermolos e na que interviñeron os repentistas Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, así como Séchu Sende e o propio Manolo Maseda.

Así mesmo, foi a primeira toma de contacto que os campistas tiveron co escenario, sendo convidados a demostrar as súas habilidades regueifando sobre temas de actualidade ou con marcaxes técnicas como as rimas que debían empregar ou unha serie de palabras que debían incorporar nas súas coplas.

«Foi unha experiencia piloto, pero especial, porque foi moi potente e superou moito as expectativas», avaliou Maseda, quen tamén apuntou á posibilidade de que este campus teña continuidade nun futuro, e quizais rotando por Galicia.