Felices novas para este 2025: «Conexión» de Zavala e as Atalaias de Caión
CARBALLO
O Abaladoiro | O 31 de xaneiro coñecerase «Santa Marta», un dos catro temas nos que as cantareiras caionesas colaboran coa banda de Ferrolterra
24 ene 2025 . Actualizado a las 20:18 h.Han de moverse ben as ferreñas das pandeiretas este 2025. Ferven as asociacións de música e baile tradicional e vanse coñecendo novos proxectos. Neste ano das Letras Galegas para as cantareiras e a poesía popular oral, a banda de Ferrolterra Zavala vén de establecer unha «marabillosa conexión» coas Atalaias de Caión, grupo de cantareiras de Arume.
En tan só uns días, o 31 de xaneiro, estrearase a primeira mostra desa conexión, a peza Santa Marta, que virá a ser, ademais, o cuarto sinxelo de adianto antes da publicación do disco que prepara Zavala (Ferror Records, 2025), e que leva por título Pequeno manual para grandes cambios (teoría e práctica). Santa Marta neste caso non é a da Laracha, senón a de Ortigueira, e serve de escenario para «unha historia que sabe a mar, taberna, terra e casa», publicaron os grupos. «Unha canción de amor a un lugar e a unha terra, Ortigueira, que tanto nos deu e tanto nos dá. Devolvemos, a xeito de canción, soamente un pouco do moito que recibimos», fixo constar Zavala. Será o primeiro dos catro temas nos que colaboren as Atalaias: Arantxa, Berta, María, Neria, Noelia, Sonia e Ana.