Suso de Xornes, Lupe Blanco, Yéssica Nantón, Antonio de Xornes e Diego Vidal terán destacada presenza
30 ene 2025 . Actualizado a las 16:58 h.Que a regueifa vive un novo tempo de esplendor xa non é só unha idea. É un feito. Máis alá das clases da Escola de Carballo, ou do Enreguéifate con prazo aberto, o mes de febreiro traerá á comarca cando menos tres citas coa improvisación oral e con algúns dos seus referentes.
Por orde temporal, a primeira parada será este sábado 1 de febreiro, ás 20.30 horas, no local da Asociación de Veciños de A Agualada (Coristanco). Mediranse en palabras Antonio de Xornes e Yéssica Nantón, e será o público o que decida quen gaña. Rematada a regueifa, terán unha foliada aberta.
Yéssica e Antonio tamén estarán na segunda das citas, pero non sós, senón co mazaricán Diego Vidal e o pontecesán Suso de Xornes, proclamado o mellor regueifeiro de Galicia na última edicion dos Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz, o pasado 11 de xaneiro. Rememorarán unha regueifa a catro como facían antigamente Calviño, José de Severo, Costa ou Guillermo da Rabadeira, e farano abrindo os actos do 75.º aniversario do restaurante Casa Pego (San Cosme de Antes, Mazaricos). «Unha pequena volta ós tempos de avoa Blandina e o avó Juanito, fundadores desta casa», publicou o local. Tamén o público decidirá e tamén haberá foliada final.
Para rematar, terceira cita: Coucieiro, Muxía, organizada pola comisión de festas. O 22 de febreiro, ás 20.00, cos grandes Lupe Blanco e Suso de Xornes.