Os estudos na Facultade de Medicina da USC (1950-56)

braulio pérez astray

CARBALLO

ARCHIVO PÉREZ ASTRAY

Máis da historia sanitaria da Costa da Morte | Manuel Pérez Maroño tivo unha época moi fructífera na súa etapa formativa compostelá

08 feb 2025 . Actualizado a las 12:35 h.

No 2023 cumpríronse 375 anos da creación da Facultade de Medicina da USC. Houbo catro sedes ata o seu traslado ao edificio actual en San Francisco, en 1928. Manuel Pérez Maroño realizou nesta nova sede os seus estudos de licenciatura, sendo reitor Luís Legaz Lacambra (1942-1960). Manuel formalizou a súa primeira matrícula o 18 de outubro de 1950 por un importe de 230 pesetas. O seu comportamento como estudante foi destacado, obtendo sempre moi boas cualificacións.

Foron varios os profesores que lle causaron grande impacto e polos que sentía grande afecto, como Ángel Jorge Echeverri, decano e despois reitor. Tamén o catedrático Alejandro Novo, con quen adestrou nas técnicas que despois tería que aplicar nos numerosos partos aos que asistiu ao longo da súa andaina profesional. Outros docentes lembrados con moito aprecio eran Ramón Domínguez, na área de Fisioloxía; Ángel Moreu, en oftalmoloxía; Ulpiano Villanueva Castro, como profesor de Hixiene e Saúde. O estudante Pérez Maroño completou o seu período formativo coa realización de prácticas externas no Hospital Xeral de Galicia, e tamén en distintas clínicas de Compostela, destacando a do doutor Cándido Masa Domingo, quen atendera no antigo Hospital Real os primeiros casos de tifo exantemático (coñecido popularmente como o piollo verde) diagnosticados en Fisterra polo médico Francisco Esmorís Recamán en 1943.

Tamén foron moitos os colegas de estudos da Facultade con quen estableceu fortes lazos de amizade. Entre eles Julio López Roibal, recoñecido pediatra da Coruña; ambos compartiron aulas e veráns da Instrución Premilitar Superior en Monte la Reina (Zamora), ademais das prácticas militares no norte de África. Outro grande amigo de por vida foi José Mª Pose Romero: xuntos desenvolveron numerosas e importantes iniciativas dende a Xunta Comarcal de Médicos de Corcubión, da que Maroño foi presidente e Pose secretario. Tamén compañeiro de carreira foi Eduardo Mariño Iglesias, médico en Carballo; ao igual que Antonio Rodríguez Alonso, médico da Agualada (Coristanco). Un colega mais de Facultade, tamén grande amigo, foi Ángel Ron Fraga, director da Maternidade do Belén, na Coruña.Finalizado o curso 1955-56 Manuel acadou o título de Licenciado en Medicina e Cirurxía. Comezaría unha longa traxectoria como médico, ademais do desenvolvemento dunha importante labor de liderado da clase sanitaria da comarca. O seu vínculo coa Academia mantívose por sempre.