Teresa Portela: «Alucinei co coidado do medio que observei en Xapón»

Antón Lestón Lago
a. lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

ECOVOZ 2025 | É a española que máis veces participou nos Xogos Olímpicos e foi convidada ao primeiro programa da nova tempada de Ecovoz, en Radio Voz

10 feb 2025 . Actualizado a las 12:15 h.

A palista Teresa Portela (Cangas do Morrazo, 1982) é a española que máis veces participou nos Xogos Olímpicos. Falou en Ecovoz:

—Cando comezou a remar?

—Con nove anos, cunha amiga que me animou para aprender a usar a piragua. Foi o noso plan de verán. Non había ninguén na miña familia que o practicase, pero gustoume moito, tamén porque así pasaba máis tempo na praia e en contornas naturais.

—Notou moito cambio no coidado desas contornas co paso dos anos?

—Si, cada vez somos máis conscientes da importancia do que temos, de mantelo limpo, evitar vertidos e ser máis coidadosos. Antes, nos embalses vías bolsas e outros restos de plásticos. Agora é máis difícil velo.

—Viaxou por todo o mundo, hai moitas diferenzas dun lugar ao outro?

—A verdade é que Xapón sorprendeume moito. Non había papeleiras, pero tampouco había lixo por ningún lado. Recordo estar no metro coa miña filla e queriamos ir a un baño. Podes pensar que un baño nun lugar así vai estar sucio, pero para nada, estaba máis limpo que o da miña casa. Iso ensinoume que a cultura e a educación ten moitísimo que ver neste aspecto de coidado das contornas nas que vivimos.

—Participou nos Xogos de Sidney, Atenas, Pekín, Londres, Río, Tokio e París. Foron evolucionando os protocolos dentro da competición para emitir menos residuos?

—Si, en Tokio innovouse cas camas de cartón, que volveron en París. Agora mesmo xa hai esa filosofía de reutilizar e coidar o medio ambiente polo ben de todos.

—A concienciación neste eido é unha das súas bazas cando fala coa mocidade.

—Sobre todo de hábitos saudables. E aí claro que se inclúe manter limpo o medio, e máis para nós, que é onde competimos. Tamén en canto a alimentación, eu aposto sempre por produto de tempada e de proximidade, o máis natural posible. E tamén reciclo dende hai moitos anos.