Laura Añón ponlle voz ao 'Correndo': «O caso é aportar cada un o seu graíño de area»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

A cantante Laura Añón, na súa tenda A saia da Carolina
A cantante Laura Añón, na súa tenda A saia da Carolina ANA GARCÍA

A carballesa entoa o himno desta edición 2025 do circuíto de carreiras, que xa ten aberto o prazo de inscrición 

14 feb 2025 . Actualizado a las 23:47 h.

«O caso é poñer cada un o seu graíño de area», reflexiona a cantante carballesa Laura Añón. Todo suma para que unha iniciativa chegue a bo porto, e neste caso o seu graíño é unha potente voz que este 2025 cede para o himno da décima edición do circuíto Correndo pola Costa da Morte. Con letra e edición de vídeoclip por parte Suso Méndez, por outra banda histórico corredor do circuíto, a peza usa como ritmo a coñecidísima Walking on sunshine, de Katrina and the Waves, mais cunha letra en galego que reivindica, entre outras cousas, a figura das mulleres nas carreiras e o seu papel. «En xeral, as mulleres da nosa Costa da Morte», precisaba onte Laura. É un convite á participación. «Un ritmo súper pegadizo que todos temos na cabeza, así que do que se trata é de aprender un pouquiño a letra, a mensaxe», comenta a artista. Un soño, loitar da man, corazóns sans, non renderse, romper barreiras, o vento na cara, as risas no corazón... Todo iso, ademais da bravura, contémplase neste himno 2025 que xa anda pola plataforma YouTube.

O día que se presentou a iniciativa, Añón deixou caer que este ano correría por vez primeira, mais agora que se achega a data inicial en Camariñas di que lle anda dando voltas: «Debería adestrar algo...», ri. «Non sei se será correndo, pero aí estarei, para colaborar co que sexa», afirma. Xa ten dado mostras en ocasións anteriores da súa solidariedade, con causas como a de Mi Princesa Rett, coa que tamén colabora precisamente este circuíto: «Levamos dous anos facendo as sesións vermús solidarias en Ponteceso, son amiga da mamá de Daniela [Novo], e saben que todo o que sexa apoiar para axudar ás princesiñas aquí me teñen. Hoxe por uns e mañá por outros».

Que Laura non lle dea ás carreiras non significa que teña o deporte apartado: «Si que fago deporte, gústame moito por exemplo a bici. Con ela si que me animaría», asegura a tamén empresaria da moda. En abril do ano 2024 abría na rúa Igrexa de Carballo a tenda A saia da Carolina, unha faceta que obviamente lle consome horas, ademais das súas aparicións televisivas. É por iso que polo momento ten apartado o mundo das orquestras, se ben participa dun proxecto persoal con dous amigos, Ángel Sevilla e JJ Compota, para vermús ou tardeos, algo máis adaptable «aos nosos horarios e vidas».

Correndo po

la Costa da Morte: dez anos contra vento e marea

 Velaí o lema da 10.ª edición deste circuíto de carreiras con vocación comarcal que vén de abrir o prazo de inscrición (ata o 4 de marzo!). Dez anos, dez concellos. As datas: 9 de marzo (Camariñas), 12 de abril (Vimianzo), 11 de maio (Mazaricos), 24 de maio (Dumbría), 7 de xuño (Zas), 29 de xuño (Carnota), 5 de xullo (Cee), 13 de xullo (Muxía), 6 de setembro (Corcubión) e 12 de outubro (Fisterra).