Unha guerra tediosa, un conflito sen precedentes, miles de titulares que colmaron a crónica bélica da continxencia entre Rusia e Ucraína. Todo para que finalice con dous mandatarios repartindo condicións e territorios coma se estivésemos no patio do colexio, ca cotidaniedade de quen controla o proceso mentres Europa fai caso omiso. Esta podería ser a foto resumo. Na outra banda, para as familias de a pé nada cambia. Só as veas que se enchen de frustración e desidia. Ninguén pode paliar nunca as perdas dos soldados, dos inocentes. Para a xente da rúa, nada cambia, todo se posterga nese macabro xogo de poder onde só uns poucos gañan. A guerra acabouse hai tempo e ou non o sabiamos ou non queriamos ver. Pensemos pois no que lle espera a Europa despois de confirmar a súa nula presenza no litixio. Miña avoa Mercedes despedía aos homes do lugar ondeando panos brancos cando marchaban. Dicía que a guerra era moi dura e o eco da súa voz aínda pervive de xeración en xeración ata os meus días. Moitos dos que marchaban con alegría nunca volvían ás súas casas. Miña bisavoa Josefa pasou toda unha vida esperando que o seu fillo Daniel volvese. Non obstante, nós non coñecemos a guerra, só o relato como simples espectadores. Polo camiño quedan historias que nunca sairán á luz, crimes de guerra, horror máximo. Familias engulidas pola metralla, nenos e nenas que xamais volverán á escola nin xogarán máis. Na guerra ninguén vence enteiramente, pero hai quen obtén o máximo beneficio no proceso. Gornécense no odio para alcanzar as súas metas. Pase o que pase, todo rematou. A aqueles que perderon todo, ninguén lles pode arrebatar nada máis.