
Axenda diaria | Vén ben completa esta xornada de 20 de febreiro na Costa da Morte: entre as propostas, a última sesión de cine do ciclo Amal en Ruta en Carballo
20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Xoves 20 de febreiro e, ademais da homenaxe a Alfredo Brañas en Carballo —ver aquí—, estas outras citas para hoxe na Costa da Morte, nunha xornada que xa fai prever a intensidade da fin de semana:
Carballo • Organiza o Concello unha proba deportiva escolar de campo a través coa participación de 978 nenos de 11 centros educativos, de Carballo, pero tamén de Coristanco, A Laracha e Malpica. Será na zona verde do polígono de Bértoa, con saída da primeira carreira ás 10.30 e 12.15 a última. A categoría con maior número de inscritos é a alevín: 244 na categoría masculina e 201 na feminina, con saídas ás 11.30 e 11.45 horas, respectivamente.
Carballo • Chega esta tarde á súa fin o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta. Hoxe (20.00 horas, Pazo da Cultura, acceso libre) é quenda de documental. Trátase dun traballo dirixido por Lina Soualem e leva por título Bye Bye Tiberias, por certo elixido para representar a Palestina nos Óscar do ano pasado. O filme narra a historia da actriz Hiam Abbass, quen tras emprender a súa carreira artística en Francia, regresa á súa casa en Palestina coa súa filla, precisamente a directora do documental. Un relato íntimo sobre catro xeracións de mulleres «e o seu legado compartido de separación», contan.
Cee • Avanza a programación cultural de febreiro en Cee, con Rosalía de Castro como unha das súas protagonistas. Chega hoxe á vila —11.00 horas, auditorio Baldomero Cores, para publico escolar infantil— o espectáculo Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos..., de Caxoto Contacontos (A Trastenda dos Contos). Un percorrido pola vida e obra da autora padronesa.
Cabe lembrar que, tamén en Cee, hoxe mesmo abrirase o prazo para participar no concurso de disfraces de entroido previsto para o 8 de marzo, con 5.600 euros en premios.
Corcubión • Tributo a Rosalía de Castro a través dunha exposición que chega da man da área da Cultura da Deputación e que se poderá visitar dende hoxe ata o 9 de marzo na Casa da Cultura, en horario de apertura da biblioteca municipal: os luns, de 10.00 a 14.00; martes e mércores, de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.30; xoves e venres, de 14.00 a 21.00, e o sábado de 10.00 a 13.30. Textos de Francisco Rodríguez, debuxos de Pepe Carreiro e deseño a cargo de Bruno López Teixeira.
Malpica • Loas tamén para Rosalía dende Malpica, onde os establecementos hostaleiros que desexen sumarse á iniciativa da Fundación Rosalía teñen ata hoxe ás 14.00 para anotarse (981 707 104 ou anton.noceda@malpicadebergantinos.es). Os locais participantes ofrecerán o domingo 23 como tapa «caldo de gloria» en horario de viños, a mediodía. O Concello sumará un pasarrúas de cantareiras polos bares inscritos, a xeito de homenaxe musical á autora. Tamén se distribuirán salvamanteis cos versos do poema Miña casiña, meu lar, aqueles nos que a escritora describe precisamente a receita deste caldo.
Carballo • Segue o febreiro musical do Conservatorio, hoxe con audición de saxofón, ás 20.00 horas no Pazo.