
«Run out of paint», de Vítor Mejuto, Ruth Vidal e Ventura Pérez, explora os límites e procesos da pintura contemporánea
01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Galería Manolo Eirín, de Carballo, conta dende onte cunha nova mostra: Run out of paint (Quedar sen pintura). Reúne obras de Vítor Mejuto, Ruth Vidal e Ventura Pérez. Foi inaugurada onte coa presenza dos tres artistas. Mejuto, xefe de fotografía, ademais, de La Voz de Galicia, explicou en Voces de Bergantiños en que consiste a exposición.
«Son tres estilos diferentes, cun nexo común: a propia pintura. Un sitio no que estar no mundo da arte, inesgotable», comezou relatando nos micrófonos. No seu caso, dende unha perspectiva xeométrica: «Está moi vinculado á xeometría clásica, á pintura norteamericana. Nos últimos tempos, desenvolvín unha especie de figuración xeométrica, e móvome nese territorio».

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, Mejuto achega obras de tres series distintas. Unha, sobre palmeiras, baseada en estudos botánicos. Outra, vinculada á música, con distintas óperas, e unha última, centrada en partituras.
A vindeira semana participará nunha feira en Madrid, onde colabora coa galería Espacio Valverde. Ten feito mostras en espazos independentes de artistas de varios países, e algunha das súas creacións ten presenza en coleccións como as do Parlamento de Galicia, o CGAC ou Afundación.

Distintas xeracións
O nome da exposición que pode visitarse xa en Carballo establece unha metáfora do proceso creativo, ese instante no que o material se esgota e o xesto xunto coa sensibilidade do autor alcanza o seu límite. Os tres artistas, con residencia en Galicia e de xeracións distintas, exploran os límites e procesos da pintura contemporánea.
Vidal indaga na materialidade do medio. A través de capas superpostas de tinta inflable para serigrafía, a súa obra oscila entre a ocultación e a revelación.
Pola súa banda, Pérez traballa co óleo sobre lenzo. Explora a pintura como un campo de probas onde o imaxinario transfórmase real.