Íntegro, o centro ocupacional de Cabana que lle dá unha nova vida ao plástico

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

ECOVOZ 2025 | A través do proxecto Diversiplás, usuarios da entidade converten pezas plásticas en produtos como macetas ou chaveiros

03 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Íntegro é unha entidade sen ánimo de lucro que promove a inclusión social de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Un servizo premiado por múltiples razóns dende o comezo da súa actividade, no 1992. Un deses motivos é o proxecto Diversiplás, que teñen en marcha dende o 2021 en colaboración co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).

«Facemos todo o proceso. Colaboramos cos Concellos da Costa da Morte, cas confrarías, redeiras e mariscadoras para a recollida dos plásticos. Temos unha furgoneta coa que os transportamos ata o centro e aquí facemos unha primeira clasificación, onde separamos os limpos dos sucios, porque se falamos de sostibilidade de pouco serve que teñamos que gastar auga e outros recursos para poder limpalos», conta Noelia Barreira, a responsable de Íntegro.

Os usuarios do centro ocupacional seleccionan logo os plásticos tamén según o seu tipo, escollendo únicamente os de tipo 2 (HDPE) e tipo 5 (Polipropileno). «Todos sabemos que somos o que comemos e que todos eses plásticos que van ao mar acaban por degradarse, pero quizáis nos faltan oportunidades de poder colaborar de unha forma máis activa. Por iso, cando os participantes neste proxecto ven que transforman ese lixo en algo útil creo que son moito máis conscientes da necesidade disto», sinala Noelia.

Íntegro tamén achega aos colexios este proxecto, co que cada ano máis de 40 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte crean macetas, mosquetóns, pezas de bisutería, lámpadas, floreiros... Unha acción, ademais, coa que usuarios e usuarias melloran as súas capacidades.