O exceso uso dos teléfonos intelixentes é un tema de conversa común na actualidade. Sobre todo, no que se refire aos máis mozos. É certo, pero no rural da Costa da Morte, tamén habería que analizar que é o que se lle ofrece á xente nova, a eses adolescentes que adoitan quedar na rúa, incluso nas tardes-noites de inverno, co frío e co vento porque non teñen outro sitio.
Máis alá dos parques para os nenos e de iniciativas de entidades, adoita haber propostas nas datas máis sinaladas, pero a xuventude e os maiores deberían de ser eixos principais nas axendas dos concellos.
A terceira idade de Malpica, por exemplo, está de noraboa grazas ao bo facer da asociación do Fogar do Pensionista. É de agradecerllo. Lembro que hai uns meses, un bo grupo de mariñeiros xubilados da localidade pedía algo tan sinxelo a Portos de Galicia como unha marquesiña na zona portuaria, onde estivo a lonxa vella. Alí reúnense a falar cada tarde. «É o mellor sitio porque dá abrigo de todos os ventos», dicían. O inconveniente é cando chove e fai frío.
Son pequenos detalles que poden significar moito para esa xente que fixo crecer as vilas e, tamén, para a que nun futuro se busca que quede nelas. Porén, son os grandes esquecidos.
Poñer ao seu dispor unhas instalacións; un parque semicuberto, ou actividades máis alá das xerais, de temáticas que realmente estean pensadas para eles con asiduidade serían só unhas de tantas opción.
Hai espazos públicos en desuso. Búscase ofrecerlles algo, tamén, a onde poidan acudir preto, a pé. Non pode ser tan difícil nesta comarca.