
Varias citas prevista para o día de hoxe están ligadas á conmemoración do Día da Muller
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller, segue traendo actividades a centros educativos e concellos da Costa da Morte. O alumnado do CEIP Vilarmide-Eduardo Noya de Muxía, por exemplo, conmemorou esta xornada investigando a figura de Rebeca Atencia, veterinaria ferrolana que dirixe o Instituto Jane Goodall en Tchimpungan (Congo). Xusto a piques de rematar os traballos en torno a ela, no colexio recibiron a nova de que María, a muller de «ósos de cristal» que protagonizara o 8M en Vilarmide no 2024, falecera en accidente: «Volvemos recordala nesta data. Tiña unha fortaleza invencible e nin sequera a morte puido con ela: é doante de órganos e seguirá viva noutras persoas». Máis citas co Día da Muller, hoxe:
Muxía • Sen saír da vila da Barca, pero desta volta no instituto Ramón Caamaño, e coa colaboración municipal, haberá hoxe ás 12.30 unha charla-coloquio sobre xornalismo deportivo e linguaxe inclusiva. Acudirán a ela alumnos de primeiro e segundo da ESO.
A Laracha • A programación deseñada dende o consistorio polo Día da Muller concluirá esta tarde, ás 19.00, na Casa da Cultura. Levarase a cabo un obradoiro de «suelo pélvico», dirixido a mulleres e cunha duración de dúas horas. Require inscrición, xa pechada.
Camariñas • A Maleta MAVI promove a igualdade a través da lectura, e é este recurso o que estivo ata hoxe vila do encaixe. No acto de recollida participará a subdelegada do Goberno, María Rivas: 18.00, IES Pedra da Aguia.
Fotografía, xogos e formación sénior
Máis alá dos actos do 8M, hai outras propostas este 12 de marzo. En Carballo, dúas. A primeira, un curso de fotografía a cargo de Ángel Cordero, exprofesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, parte do programa A través da lente, incluído á súa vez na programación Cultura con forza. Promove a área de Cultura, e esgotou Prazas: 19.30, no Pazo. A segunda: Xogos con Apego, no mercado, ás 17.00, con Bonecos Animación, para nenos de ata 6 anos. En Baio, finalmente, avanza a Universidade Sénior: hoxe falarán do cambio climático.