
8 de marzo, Día da Muller | Unha placa na que foi a súa casa natal, en Camelle, lembrará para sempre á que foi auxiliar sanitaria ou curandeira
15 mar 2025 . Actualizado a las 22:40 h.Pola mañá unha rúa para Silvia Lijó e pola tarde unha placa en Camelle, na que foi casa de Carmen Tajes Rodríguez, Carmen de Angustias (1921-2008). De familia humilde, destacou dende ben nova como auxiliar sanitaria ou curandeira. Houbo de abandonar a escolar axiña, filla de solteira, mais sempre quixo aprender e xa pasaba dos 50 cando recibiu nocións de lectura e escrita. Sacaba unha moa, poñía unha inxección, asistía unha cirurxía ou preparaba os mortos.
Tiña cara fóra un carácter forte, mesmo duro, pero era «todo corazón», e así a lembraron onte en Camelle os veciños: «A casa de Carmen estaba aberta para todo o mundo», «a madriña de tanta xente», «unha muller especial», «unha marabillade persoa, igual ca súa nai». Non cobraba polos seus servizos, e acudía alí a onde sentise que facía falta. Asistía cando fose, mesmo de noite, cando se dedicaba ao encaixe, por máis que o día tamén fose de traballo: na lonxa, no porto, no secadoiro do congro...

O Concello de Camariñas fixo este sábado memoria dela: «Empezamos este ano a recoñecer a todas as mulleres. Hai moitas, en todas as parroquias», dixo Sandra Insua, alcaldesa, quen cedeu a palabra para que os presentes, os que a coñeceron, lembrasen vivencias con ela. A soprano Sole Vidal redondeou a emoción.

Foi un acto inxerido na conmemoración do 8M, Día da Muller, ao igual que a andaina Sementando Igualdade promovida polo CIM ceense con implicación dos Concellos de Fisterra, Cee e Corcubión. Da fin do mundo á vila da Xunqueira, a paisaxe semellaba onte unha fermosa pintura.