
En localidades como O Couto (Ponteceso) ou Coristanco conmemorouse o Día da Árbore
22 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Día Mundial da Auga é hoxe, 22 de marzo, mais onte non faltou durante boa parte do día. Choveu tamén no Couto, en Ponteceso, pero non lle tiveron medo os rapaces para seguir adiante coa plantación de froiteiras programada dende a Fundación Eduardo Pondal con motivo do Día da Árbore. Tomaron parte dela 36 nenos de terceiro de primaria do colexio Eduardo Pondal, así como 15 da EFA Fonteboa de Coristanco e mais alumnado do curso de poda e enxerto recentemente impartido. Todo iso, en aras dunha actividade «interxeracional», co espírito que procuran moitas outras das citas promovidas pola Fundación. Así, ás 25 xa existentes, sumaron onte 16 novas froiteiras, elevando a variedade, que vai desde maceiras a pereiras, abeleiras, ameixeiras ou laranxeiras. Bordean o perímetro da muralla da horta da Fundación, de xeito que de aquí en adiante se poderán ir coidando e vendo medrar.

Tamén polo Día da Árbore estaba prevista unha reforestación con castaños por parte de alumnos do colexio Nuestra Señora del Carmen de Fisterra, unha actividade incluída no programa Voz Natura de La Voz de Galicia, pero neste caso si foi adiada á espera dun tempo algo mellor. En Coristanco, igualmente cita conmemorativa do 21 de marzo, a biblioteca acolleu a música e a mensaxe de Pakolas coa súa Ecoralia, lambona ecolóxica, nena e meiga. Quedou tempo tamén para unha plantación simbólica, «homenaxe á importancia das árbores na nosa vida e símbolo do crecemento constante, tal como sucede co coñecemento que cultivamos na biblioteca», segundo anunciaran días atrás.