Danza, circo, literatura e ata un musical para iniciar a fin de semana na Costa da Morte
CARBALLO

Axenda diaria | Este venres vén intenso, con citas destacadas como a estrena de «Aurora boreal» en Carballo
28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Venres 28 de marzo e un mundo de propostas variadas para gozar do día na Costa da Morte. Estas:
Carballo • Primavera enDanza • Comezan os espectáculos da 23.ª edición da Primavera enDanza carballesa. Unha estrea absoluta abre a programación: 21.00, Pazo da Cultura, 5 euros. Sobre o escenario, Paula Quintas, con Aurora boreal, reflexión a través da danza sobre a durabilidade das cousas, así como a través dun elemento escenográfico efémero: o xeo.
Circo en A Laracha • Comezaron onte os pases de Inimitable, un espectáculo conducido por Gaby Aragón. Sesión, hoxe, ás 18.30 horas.
Carballo • Presentación no Casino • A plataforma de experiencias Xplore Galicia arribará hoxe a Carballo coa que será a súa cuarta charla Xplore Historia: 19.30 horas, Casino 1889. O que se revivirá é unha das historias «máis dramáticas do fútbol español» e farase a través da presentación do libro Mucho que decir y poco que contar, da autoría de Javier Guillén, xornalista. Acompañao Javier Manjarín, exfutbolista do Deportivo, testemuña daquel fatídico día, o do penalti de Djukic. A obra reconstrúe aquel momento a través de máis de 200 voces, e inclúe material inédito, achegándose ademais ao búm que supuxo o nacemento do SúperDeport. Acceso libre ao Casino.
A Laracha • 110.º aniversario do asesinato de Eulogio Suárez • No Cruceiro de Casás Longos —agora Casas Longas, Montemaior— mataron en 1915 a Eulogio Suárez, caldereiro e taberneiro. Hoxe farase ás 17.00 una ofrenda floral e descubrimento de placa, con posterior funeral. Para as 19.00, na Taberna de Santa Margarida, está prevista a presentación do libro La ruta de Eulogio, de Sandra Aldao: actuará a coral Aires de Bergantiños.
Cee • Musical dos anos 80 e 90 • Avanza a Primavera Cultural deseñada polo consistorio ceense. A Casa da Cultura acolle hoxe ás 21.00 horas unha emocionante viaxe a través dos grandes éxitos musicais dos anos 80 e 90 e da man de Discovery Producciones. No controles é un espectáculo dirixido por Alberto Monsalvo. Falou onte mesmo en Radio Voz, onde avanzou que o elenco, puro talento, é «totalmente galego, totalmente da terra». O fío de todas esas cancións é unha historia actual vertebrada arredor de dúas parellas, un enganche ben traballado, a xulgar polo cartel de «todo vendido» que veñen colgando alí por onde pasan. Para Cee, onte pola mañá, quedaban unhas vinte entradas, polo que pode probar sorte.
Malpica • Presentación literaria • A carballesa Marta Seoane inicia unha fin de semana intensa da man da súa novela Balas de papel, ambientada na Costa da Morte. A obra está a ter gran acollida e presentaraa esta tarde no local O Cornecho de Tano, Malpica, ás 20.00 horas. Mañá fará o propio na vila de Laxe: local Valle Inclán, 17.30 horas.
Muxía e Corcubión • Actos polo 8M • Segue aínda a conmemoración do Día da Muller. En Muxía, na biblioteca, ás 19.00, exposición Relembrando a Trini, en lembranza da activista Trini Falcés. En Corcubión, á mesma hora e tamén na biblioteca, presentación de Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, con Pilar García Negro. Acceso libre.