
Farta. Así se podería resumir o meu estado emocional cada vez que vexo unha viñeta que emula ao Estudo Ghibli nas redes. Aló foron máis de 200 millóns de litros de auga, pero o caso é sumarnos á tendencia. Unha gran porcentaxe de persoas camiña durante horas diariamente para poder encontrar auga potable para necesidades básicas e prioritarias. Namentres, no primeiro mundo ou no mundo dos parvos, facemos viñetas por moda, que carecen de valor artístico, afectando ao cambio climático e axudando a provocar secas. Somos tan ignorantes que ao subir as imaxes orixinais estamos cedendo datos biométricos a terceiros, con fins que non coñecemos, a potencias estranxeiras que non son favorables xeopoliticamente. Non obstante, se o mundo se acaba que nos colla cunha romántica viñeta ca nosa parella e varios feixes de paquetes de rolos de papel hixiénico. Non falemos pois dos dereitos de autor, da depreciación que supón facer universal e accesible unha arte propia, con nomes e apelidos.
Calquera día escribir e ilustrar será un mero proceso automatizado e a autoría propia un traballo de auténtica artesanía. Ata concellos da bisbarra se suman a esta metodoloxía, arruinando a aqueles traballadores culturais que viven do seu traballo e orixinalidade. A intelixencia artificial non é un servidor creando, é un servidor xuntando imaxes e autorías para facer un collage burdo e nefasto ao que lle outorgamos valor. Ás veces, perdóenme meus queridos lectores que se libran de tales prácticas, penso que o meteorito que nos leve ao último día está tardando moito. Xa dicía Einstein que había dúas cousas infinitas no mundo a priori, a estupidez humana e o universo. Non creo que errase demasiado.