Últimos días para participar no certame Contos de Primavera de La Voz

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Premiados na anterior convocatoria, maio do 2024
Premiados na anterior convocatoria, maio do 2024 BASILIO BELLO

O concurso literario vai dirixido a alumnos da ESO da Costa da Morte, incluido o municipio de Cerceda 

21 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda están a tempo. Se este período de descanso escolar por Semana Santa trouxo algunha idea ao maxín que poder desenvolver literariamente, queda prazo para presentala á convocatoria que La Voz de Galicia —dende a súa redacción en Carballo— e Radio Voz teñen en marcha. Así, está aberto á participación o concurso Contos de Primavera, unha proposta destinada a alumnado de secundaria da Costa da Morte e que conta, un ano máis, co apoio do Grupo Calvo-Nauterra.

Contos de Primavera acada neste 2025 a súa oitava edición. É este certame un irmán pequeno dos Contos de Nadal, dirixidos a primaria e con 21 edicións de traxectoria. No caso de Contos de Primavera, poden facerse chegar textos escritos por estudantes de primeiro a cuarto de ESO de calquera centro educativo das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do municipio de Cerceda. Será o colexio ou instituto en cuestión o que deba enviar os traballos correctamente identificados a través do correo eventos.carballo@lavoz.es, tendo ata este vindeiro venres, 25 de abril, para facelo.

O concurso, ademais de espelir a imaxinación e fomentar o talento na escrita da poboación moza, pretende tamén agrandar a dimensión literaria da Costa da Morte, en tanto que os textos, que han de ser inéditos e estar escritos en lingua galega, non superando os 2.000 caracteres, deben versar sobre aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais que distinguen a este finis terrae. Lendas, faros, naufraxios, traballos do agro, castros, dolmens, muíños e moitos outros aspectos teñen poboado as creacións que ata o de agora se foron presentando a concurso.

Cada documento que se achegue ha de levar nome, apelidos e curso do autor ou autora, así como a identificación do centro correspondente e o nome do mestre ou da mestra que supervisou o traballo. Unha vez finalizado o prazo, será un xurado o encargado de ler cada unha das propostas, elixindo un total de dez. Levarán cadanseu diploma, ademais dun agasallo os tres primeiros. Os dez relatos publicaranse nestas mesmas páxinas o día da entrega de galardóns, no mes de maio, e os tres máis puntuados serán lidos asemade en Radio Voz.