
«Como é posible que o ser humano vaia chegar a Marte e sigamos con ese problema?», pregúntase
29 abr 2025 . Actualizado a las 12:11 h.A asociación Mar de Fábula leva dende o 2014 coidando e mellorando os litorais galegos. Faino a través de numerosas limpezas en distintos areais ou puntos de interese. Con sede en Camelle, Camariñas, tamén inspiran á mocidade a través de talleres nos que crean toda clase de obxectos cos residuos que proceden do mar. Virginia Barros é agora a presidenta desta entidade sen ánimo de lucro que naceu co impulso do seu pai, Xosé Manuel.
—Como notan que foi evolucionando o coidado destas contornas costeiras?
—Cada vez vai a máis, tanto as voces e os colectivos que non miramos para outro lado e nos preocupamos por coidar o medio, como o lixo, que cada vez atopámolo en maior cantidade.
—Cal é o público que acode aos chamamentos de Mar de Fábula para as limpezas de praias?
—É certo que houbo un momento no que a participación caeu un pouco, pero agora hai un repunte de voluntarios que se debe a que a xente vai pasear pola ribeira e dáse conta de que aquilo é escandaloso. En canto ao perfil, varía. Temos limpezas que son nos coídos e se lle complican a xente con máis problemas de mobilidade. Pero gustariamos que viñese moita máis xente nova. Hai un rango de idade, que comprende a adolescentes e un pouco maiores, que só veñen cos centros de ensino.
—Cada vez hai máis normativa ao respecto, e chega máis lixo.
—Eu teño unha visión moi diferente. Si hai normativas, pero o mar é moi grande e por aquí diante pasa o Corredor de Fisterra e aí chega lixo de tódolos idiomas e que se ve que o acaban de botar, porque lense perfectamente as etiquetas. E despois está o tema das depuradoras e as toalliñas, que é escandaloso. Vimos agora de facer unha limpeza na Coruña, e non se pode imaxinar a xente a cantidade de toalliñas ou produtos hixiénicos que atopamos xunto a ese fermoso paseo marítimo. Iso vén cando as depuradoras non dan abasto. Hai que facer unha gran reflexión. Como é posible que o ser humano vaia chegar a Marte e sigamos con ese problema? Facemos un chamamento ao Ministerio de Transición Ecolóxica.
—Que outros materiais atopades de forma habitual?
—Moita rede, aínda que esas os mariñeiros non as tiran, senón que as perden. Outra cousa son os pequenos chicotes. O que é incrible é tamén a enorme cantidade de botellas de auga que atopamos. E agora cos temporais, que removen os fondos mariños, aparecen moitas pezas antigas. Case todo o que recollemos ten que ir para o contedor de resto, porque non serve para nada.