
Nova iniciativa do Concello para seguir achegando a obra do ilustre baiés a veciños e visitantes
03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un total de 18 xardineiras cheas de flores e poemas de Enrique Labarta Pose quedaron instaladas ao longo do día de onte nas principais rúas de Baio e de Zas. A iniciativa parte do Concello, co ánimo de achegar a obra do ilustre baiés dun xeito «fermoso e orixinal» a todo aquel que visite ambas localidades. Así, nas xardineiras lense algúns dos seus poemas na defensa da lingua, das mulleres, dos animais ou das tradicións.
A idea, doutra banda, vén a engrosar a campaña que dende hai xa moitos anos leva promovendo o consistorio, xunto co tecido asociativo, para que a Real Academia Galega lle dedique as Letras Galegas ao xornalista e escritor. Non puido ser neste 2025, cando se acadaba xustamente o centenario do seu falecemento, mais nin Concello nin Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas decaen no seu empeño. Será precisamente o vindeiro 13 de maio cando se cumpran os 100 anos da morte do baiés, un centenario que motivou por parte do goberno local unha completa programación conmemorativa, da que forma parte esta iniciativa coa que, ao fin, se pretende poñer en valor a vida e obra de quen foi pioneiro.

«Esta actuación daralle un novo aspecto ás nosas vilas, creando espazos máis agradables e vistosos», apuntou o alcalde, Manuel Muíño. As xardineiras, segundo se avanzou, permanecerán instaladas ao longo de todo este ano.