
Gentes del Finis Terrae | Interpretarán tres pezas na entrega de galardóns do concurso literario de La Voz, este vindeiro sábado, en Conservas Calvo
07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nun ano no que as Letras Galegas dedicadas á poesía popular oral a través da figura das cantareiras están inzando Galicia de ferreñas e de aturuxos, non podía ser menos neste caso, e menos aínda tratándose de Carballo. La Voz de Galicia entregará este sábado 10 de maio os premios do seu oitavo certame literario Contos de Primavera, un acto programado para as 12.00 na sede de Conservas Calvo e que porá todo o seu protagonismo musical nas voces das Cantareiras de Verdillo, unha das históricas agrupacións da tamén histórica asociación carballesa Arume.
As Cantareiras, hoxe con sete integrantes, remontan ao ano 1990 os seus inicios como grupo, e dende aquela seguen nel Marga Vázquez, Cris Añón e Belén Mato. Así o explica esta última, precisamente presidenta da asociación Arume por terceiro curso. No ano 2014 incorporáronse ás Cantareiras Tania Mato, Soraya Cameán, Noelia Anido e Marga Varela, as catro formadas xa na escola da entidade. Xuntas armaron un colectivo compacto e unido: «as nenas», como Belén lles di, cadraron ben coas fundadoras e dende entón non houbo cambio ningún na agrupación. Ofrecerán este vindeiro sábado tres pezas, Muiñeira de Nétoma (Razo), Maneo de Sísamo e Xota de Rodeiro, singulares todas, pola melodía ou polo proceso de recollida.
«Está a ser un ano moi especial polo recoñecemento a estas mulleres que foron esenciais para conservar e transmitir coplas e tradición», contaba Belén onte dende Os Peares, participando dunha semana de inmersión linguística cos seus alumnos. Mato é profesora de inglés en Ordes, así que a súa conexión coa mocidade e coa docencia lévaa a apreciar aínda máis citas como esta dos Contos de Primavera: «Non é só por ser na casa, en Carballo, senón por que os rapaces poidan ver a nosa música. Despois de levarlles seguramente falando meses nas aulas de cantigas e de mulleres embaixadoras do noso patrimonio, poderano ver en directo», sopesa. Belén conserva logo de tantos anos eses «nervios» de cada actuación: «Dá igual que sexa un escenario ou os bailes de volta dunha misa. E iso gústame».
Ás de Verdillo non lles faltan chamadas este 2025, e agardan que así siga sendo para o ano que vén e para os seguintes, en tanto que as Letras sirvan para «mostrarlle ao mundo que levamos aí moito tempo». Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás, Teresa García, Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido son os sete nomes nos que a Real Academia Galega (RAG) personificou o tributo: «É poñer en valor todo ese traballo destas mulleres, xa non traballo, senón algo que era parte da súa propia vida e da vida social da parroquia. Que agora teñan este recoñecemento mundial é moi satisfactorio», valora Belén. A singularidade deste ano apréciana as Cantareiras tamén no feito de que volveron aínda máis a súa mirada ás pezas da terra, de Bergantiños. «É un momento para plantexarse moitas cousas», di. Aquel disco Sospirei, botei un ai, no 2005, pide por outro: «Estámolo plantexando, buscamos colaboradores», ri.

Ben o merecen 35 anos e este contexto no que dende Arume testemuñan o remocear do interese na tradición: «Nótase na alegría das clases, hai unha ilusión que levaba tempo sen ver». Na rama cultural de Arume teñen hoxe un cento de alumnos de pandeireta, pequenos e adultos: «O outro día falando con María Fuentes [un dos nomes que sostiveron a entidade dese o seu inicio] dicíame que estabamos a vivir unha efervescencia similar á deles no 82». O que moitos andan a facer este ano en Arume lévano facendo decenios, poñer en valor os informantes, aos seus. Así, tamén este sábado, levarán a cabo pola tarde unha homenaxe ás cantareiras de Berdillo e o 19, no colexio Gándara-Sofán, un tributo particular a Consuelo dos Queixos.