Novo premio en Radio na Biblio para o colexio Milladoiro de Malpica 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Alumnado do centro mereceu o galardón na categoría de quinto e sexto de primaria 

09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O colexio Milladoiro de Malpica vén de agrandar a súa traxectoria de premios, de novo co gallo das Letras Galegas. O centro bergantiñán, xunto con outros da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Vedra e Vilagarcía, obtivo un dos galardóns do sétimo concurso de pódcast Radio na Biblio. A listaxe foi feita pública pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, organismo que convoca o concurso, nesta edición dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se lle rende homenaxe coas Letras este 2025.

O centro Milladoiro malpicán fíxose co máximo posto no apartado de quinto e sexto de educación primaria, logo de presentar a proposta A nosa herdanza. Cada un dos oito colexios galardoados recibe unha asignación de 1.250 euros para melloras no laboratorio/emisora de radio ou ben para actividades relacionadas co funcionamento deste espazo, sempre vinculado á biblioteca escolar. Era un certame aberto aos 220 centros públicos que forman parte do programa Radio na Biblio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, así como outros centros que traballan con laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.

Podían os rapaces presentar podcast de entre tres e cinco minutos, xa fosen entrevistas, cuñas, noticias, faladoiros, recitais, debates ou monográficos. Tamén o ano pasado, mais na modalidade de infantil, o colexio Milladoiro lograra un premio neste concurso, daquela pola peza Xogando con violinos, nun ano no que as Letras Galegas se lle dedicaban a coruñesa Luísa Villalta.