«Pandeireteiras», libro ilustrado, sae á rúa con Embora

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

É unha nova publicación de Xosé Manuel e Icía Varela, con Nerea Gómez como ilustradora. A obra vén a engrosar a ampla bibliografía editada nestas Letras Galegas 2025 

14 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Libro ilustrado • Logo de Cantareiras, publicado baixo o selo de Xerais e encarando xa a cuarta edición, os malpicáns Xosé Manuel e Icía Varela lanzan agora nova obra. Neste caso un libro ilustrado, co título de Pandeireteiras, e saído á rúa baixo o selo de Edicións Embora. Asume Nerea Gómez o apartado de ilustración, un fermoso traballo que redondea graficamente este percorrido esencial pola traxectoria biográfica e artística das cantareiras que protagonizan as Letras Galegas deste 2025. «Representantes contemporáneas daquelas mulleres que inspiraran a Rosalía de Castro á hora de escribir Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento literario galego no século XIX», trasladan. Eva, Rosa, Adolfina, Prudencia, Asunción, Teresa García e Manuela Lema foron todas elas mulleres que no último cuarto do século XX iniciaron novos camiños para a música galega. Un legado que aínda vive nos espectáculos hoxe.

Adolfina e Rosa son exemplo de informantes que Dorothé Schubarth entrevistou para o Cancioneiro popular galego. As Vellas de Mens marcaron o inicio da presenza de pandeireteiras con grupos folclóricos e Eva Castiñeira, descuberta por xente da discográfica Ruada, amosa a incorporación da voz de pandeireteira a un grupo folk: Milladoiro.