Eu son desas persoas que pensan que todos somos grandes fabuladores. A oralidade foi sempre o xermolo da prosa e a poesía. Por iso, este 17 de maio foi unha festa moi necesaria dedicada ás avoas. Noutrora, non había concertos multitudinarios de Bad Bunny e había que sacar de inventiva en ruadas, muiñadas e foliadas. Para min é un pracer que este ano escritores como Patricia Blanco ou Xosé Manuel Varela incentiven ao lector honrando ás mulleres que cantaban para desafogarse e ser felices. Auténticas narradoras involuntarias que quedaron no anonimato co pasar dos anos e ca eliminación progresiva da colectividade que dá forma a idiosincrasia galega. As cantareiras son parte inmaterial da nosa cultura, reduto senlleiro dun tempo no que o galego era unha lingua maioritaria no país, cheo de termos inigualables e palabras cheas de orixinalidade e música. Aqueles que seguen ardidos porque a candidatura deste ano non foi individual, que choren. Os tempos das mulleres son chegados e non por un tema de sesgo de xénero, senón porque vai sendo hora. As mulleres galegas e da Costa da Morte foron sempre cantareiras anónimas ao abeiro dunha sociedade moi machista. Quen lles diría que en pleno 2025 serían as protagonistas necesarias dun día que debemos celebrar unha vez no ano e reivindicar os 365 días. A lingua, a pesares do que moitos opinen, non pode ser un estandarte político que polarizar segundo conveniencia. O galego é tan universal e paradigmático que é un dereito ata para quen non o fala. Non hai máis que ver as historias de neofalantes que se adheriron á lingua cando sempre usaron o castelán como idioma vehicular. Fagamos pois un esforzo para que non siga esmorecendo o maior trazo identitario dun pobo.