A comunidade educativa do Urbano Lugrís lembrou ás seis Pandeireteiras de Mens
CARBALLO

Familiares das cantadoras participaron no emotivo acto, que se celebrou na igrexa de Mens
21 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A norma da Real Academia Galega de homenaxear do Día das Letras Galegas a autores que leven dez ou máis anos falecidos impediu que Adela Rey e Teresa Lema, dúas das integrantes das Pandeireteiras de Mens, entrasen na candidatura do cancioneiro popular que resultou elixida para este 17 de maio. Non obstante, no seu municipio natal lembráronse onte tamén delas nun acto de homenaxe que promoveu o IES Urbano Lugrís malpicán.
Celebrouse na igrexa de Mens e incluíu intervencións poéticas e musicais do estudantado, así como un discurso do presidente de honra de Aturuxo, José Manuel Fernández. Asistiron tamén familiares das seis cantadoras e os concelleiros Noelia Freijeiro e Miguel Fernández.

Foi un acto emotivo, solemne e moi democrático —describiu a docente Rocío Romar— que incluíu tamén unha ofrenda floral nas tumbas das homenaxeadas. «Máis alá dos actos académicos e políticos, queriamos facer unha reivindicación dende a xuventude do pobo, tamén para animar a seguir con esa tradición oral», engadiu a profesora. O sucedido onte, concluíu, foi o colofón ao traballo feito dende as aulas.

Máis actos para esta fin de semana
Non cesan as honras. A Casa Cultural de Berdeogas, en Dumbría, acollerá este domingo (18.30) un acto de recoñecemento á figura das cantareiras, e moi especialmente a Estrela García Caamaño, veciña de Regoelle que foi gravada por Dorothé Schubarth para o seu Cancioneiro Popular Galego. No devandito acto participarán o grupo Devesa da Lúa de Berdeogas, integrado por mulleres da parroquia que volveron reunirse para cantar xuntas despois de quince anos; as cantareiras da Asociación Fonte Santa, os gaiteiros de Buxantes e a regueifeira Lupe Blanco.
E hoxe...
Xornada de monicreques na sala museo da Casa da Cultura de Corcubión: ás doce da mañá, para alumnado do CEIP Praia de Quenxe, Os Ratos de Lonxedetodo, da compañía teatral Trinke Trinke.