Fe larachesa polo baloncesto

Antón Lestón
Antón Lestón A REDONDA

CARBALLO

,

30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis alá do seu tan repetido «partido a partido», eu sempre preferín outra desas frases que resumen a Diego Pablo Simeone: «Si se cree y se trabaja, se puede». Gústame porque non asegura recompensa, lonxe desa teoría pola que todo esforzo tería premio. Ao revés, só dando o mellor de cada un, chegará a haber oportunidade. A iso se amarrou o CB Laracha para lograr un fito sen precedentes: ser o primeiro equipo da Costa da Morte que ascende á Primera División, a cuarta categoría nacional de baloncesto feminino.

A un equipo desta comarca, para chegar a metas tan altas só lle queda crer, e moito. E máis aínda cando se trata dun deporte que non é o fútbol, por moito que A Coruña quede a un paso, neste caso. E na Laracha creron. Fíxoo unha presidenta que se estreaba no cargo sen experiencia nin coñecemento, pero con máis ilusión que ninguén. Fíxoo, tamén, un adestrador que vive por e para a pelota laranxa e que xa o ano pasado, na festa do ascenso a Primeira Autonómica, avisou de que isto era posible por moito que as súas o mirasen estrañadas. Por suposto, confiaron elas, as grandes protagonistas. Larachesas, coruñesas, e incluso americanas, que formaron unha familia capaz de impoñerse aos desexos das máis altas institucións. E toda esa suma de esperanzas fixo, claro, que crera a xente.

Un autobús completo animou a fazaña no Porriño, confirmando a febre polo baloncesto que se espertou de novo na vila. Unha alegría impensable sen esa xente que, aínda que fose unicamente para axudar ao club, sen gustarlle necesariamente o deporte, ou simplemente porque paseaba preto do pavillón, entrou a ver que había. E alí estaban as campioas.