
Cando un viaxa, tende a comparar. Mira como fan isto, nestas cousas están mellor, naquelas dámoslles varias voltas... Vemos as outras vidas conforme ás nosas estruturas, así vaiamos a Xapón. Claro que hai sitios nos que a proximidade nótase máis. A min pásame con La Palma, illa que xa vou coñecendo algo, que ten o mesmo tamaño que Bergantiños, pero máis do triplo se contamos as súas enormes montañas que chegan a case 2.500 metros. Sen buscalas conscientemente, voulle vendo semellanzas. A máis evidente (en tantos aspectos!) é a do Prestige, os seus efectos e consecuencias. As súas promesas e os tempos nos que foron chegando. E ademais é algo que che sacan os propios afectados, que tamén comparan: o Prestige e a dana de Valencia. Por sorte, nin aquí nin na Palma houbo vítimas.
Vou máis aló. O arume do norte, verde e intenso. As palabras (nunca o entendín) que empregan nalgún sitio como millo, bolboreta, miñoca, andoriña... Hai maios e magostos. Non en todas partes, é algo moi localizado. Cada un ao seu, como aquí as parroquias. No lugar de Gallegos, si. As rutas dos faros. A amabilidade cos de fóra (ás veces entre eles mesmos, non tanto: o mesmo que aquí). O monte que tanto cubre. E sobre todo, o amor pola terra, as casas por todas partes (teñen tantos lugares xuntos coma nós), o vencello coa familia á hora de edificar. Un ordense que leva alí máis de 50 anos moito se emociona cando fala con outro galego da súa infancia en Montaos, e do moito que lle serviu o esforzo e a seriedade na vida. Tamén a emigración nos une. Hai moitas diferenzas, claro, pero temos uns fíos febles e sorprendentes.