
Citas tan singulares como a proxección de «Código Marcos» integran a axenda da presente xornada
05 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Avanza en Carballo o festival de arte pública Rexenera Fest e tamén a Semana do Medio Ambiente —ver aquí—. Polo demais, será un xoves de feira na vila no que tamén haberá outras propostas na Costa da Morte, como estas:
Carballo • Acollen os Cines Bergantiños unha proxección do máis especial, o documental Código Marcos, mirada íntima e conmovedora ao mundo da maternidade e o autismo. A sesión será ás 18.00 horas, promovida por Un Paso Máis, Paseniño, Aspaber e Íntegro, co apoio de Autismo Galicia e a colaboración do Concello. Será a única oportunidade de ver esta peza audiovisual na comarca, situándose Carballo á altura de grandes cidades de España. Entradas en web e billeteira física. Dirixen Patricia Pérez e Liena Cid, tecendo así «un retrato de realidade transparente e próxima». «Código Marcos —din dende a organización—, é máis que un documental: é unha chamada á empatía, ao respecto e á comprensión». Para quen teña ou non vínculo co autismo.
Carballo • Xuño Musical do Conservatorio, cun concerto didáctico de vento-metal na biblioteca Rego da Balsa, das 18.30 en adiante.
Carballo • Unidade móbil para a doazón de sangue na Praza do Concello, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00.
Zas • O programa Escora Danza, da Deputación da Coruña, inclúe para hoxe unha nova parada en Zas. Máis concretamente, no colexio da localidade, co obradoiro Tempostagem.
A Laracha • Acolle a Casa da Cultura a primeira das tres sesións do programa Consumo en ruta, que impartirá o Instituto Galego de Consumo e da Competencia. Será ás 19.00: Coñece os teus dereitos como consumidor. Participación gratuíta, e sen inscrición.
Santa Comba • A baiesa Carmen V. Vidal presenta a súa obra As tolas que non o eran (Galaxia) na Libraría Ler xalleira: 20.00 horas. Acompaña a autora Laura Veiga, xornalista e sexóloga.