
150 anos da morte de Fernando Blanco | O testamento de Fernando Blanco instaba a erixir, sobre o solar da súa casa natal, un colexio de primeira e segunda ensinanza
07 jun 2025 . Actualizado a las 11:08 h.O testamento de Fernando Blanco instaba a erixir, sobre o solar da súa casa natal, un colexio de primeira e segunda ensinanza, pero como ben sinalou Dionisio Barreda, primeiro director do instituto, no discurso inaugural o 2 de outubro de 1886, «desde muy al principio comprendieron los albaceas que la última voluntad del Sr. D. Fernando Blanco de Lema, había de llevar consigo grandes dificultades, insuperables algunas para ponerlas en práctica». Referíase a que a era tarefa imposible levantar o edificio do instituto nun «rectángulo formado por una línea de seis metros de frente y otra de ocho metros de fondo, o sea, cuarenta y ocho metros cuadrados».
En realidade hai un erro nas dimensións, posto que o rectángulo formado pola casa natal do mecenas medía aproximadamente oito metros de fronte por 16 de fondo, pero aínda así esta superficie era insuficiente para albergar un inmoble capaz de conter tódolos locais necesarios dun centro de ensino das características do que se pretendía levantar.
Polo tanto, decidiuse que o instituto debía estar aos pés do monte da Armada, onde lograron o espazo necesario «gracias a los buenos oficios del señor alcalde D. Pedro del Rial para aunar la voluntad de veinticinco compartícipes del terreno», reservándose o solar da casa natal para unha escola onde puideran recibir educación as nenas ata a idade de catorce anos.
Ao igual que o instituto, a Escola das Nenas foi obra do arquitecto madrileño José María Aguilar y Vela. Foi rematada no 1883 e inaugurada no 1887. Ao primeiro curso acudiron 59 rapazas, e foi subindo a matrícula nos tres seguintes a 81, 91 e 120 alumnas.
Co paso dos anos, a escola quedou pequena para acoller ás nenas do municipio, e no ano 1906, 19 anos despois da apertura, e trala adquisición de dúas casas lindeiras, os testamenteiros Vicente Quiroga Vázquez e Anselmo Rodríguez Cadavid, solicitan ao Ministerio de Fomento «la porción de playa (...) al Oeste del edificio y solar de la Fundación» para ampliar a escola e crear un xardín para uso como patio de recreo.
Por real orde do 26 de xuño de 1908 autorizouse á Fundación a «ocupar permanentemente la zona de terreno de dominio público, en la playa de Cée, de 548,50 metros cuadrados de extensión superficial». Solicítanse varias prórrogas por problemas derivados dos frecuentes temporais invernais que impediron «ultimar la zanja de cimentación y destruyeron parte de las obras realizadas», argumentando que «tratándose de un edificio destinado a la enseñanza, las obras únicamente pueden efectuarse durante las vacaciones del estío». Finalmente, os traballos deron comezo no ano 1913, rematándose un ano máis tarde, segundo a memoria do curso de 1913-1914 lida o 1 de outubro de 1914.
Co paso do tempo, a situación económica da Fundación empeorou, ata o punto de que non se podía cubrir o pagamento do salario da única mestra, e iniciáronse as xestións para a constitución dun consello escolar primario para que o Estado se fixese cargo da nómina da docente. Así, e cunha pequena reforma do edificio, poderíanse ofrecer dúas magníficas aulas con dúas unidades.
O 11 de marzo de 1968 unha orde ministerial aprobaba a constitución do consello escolar e o 4 de abril do mesmo ano creáronse dúas unidades, unha de nenos e outra de nenas, que ese mesmo ano comezaron as súas actividades cos profesores Pedro Garea Gómez e María del Carmen Castro García.
Unha vez inaugurado o colexio de EXB Eugenio López, no ano 1973, as dúas unidades foron oficialmente adscritas ao novo centro educativo.
Tan pronto quedaron libres os locais da Escola das Nenas pasaron a ser aulas de párvulos (1976). Acabou tendo outros usos e dende o 2001 é sede do Museo Fernando Blanco de Lema.