
As camisetas estrearán unha imaxe renovada cun mapa cos lugares máis destacados do Carreiro do Río
17 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Como cada ano, o último domingo deste mes de xuño Baio volverá citarse coa súa tradicional Festa da Carballeira, unha celebración que organiza o Concello de Zas coa colaboración da comisión de festas e da Asociación Cultural Adro.
Terá lugar o día 29 no entorno da carballeira, un espazo incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras que, segundo recordan dende o consistorio, ha de ser respectado e coidado, evitando prácticas que o danen. Deste xeito, estará prohibido estacionar vehículos no interior, facer lume no chan, instalar carpas ou poñer equipos de música.
As camisetas conmemorativas —que estrean este ano unha renovada imaxe cun mapa que inclúe os lugares máis relevantes do Carreiro do Río— xa están á venda, e o programa musical vén de ser revelado: ás 12.00 comezarán a soar as gaitas de Adro, e máis tarde DJ Expósito e os dúos La Mekanica e Son 2 amenizarán a sesión vermú e a verbena. Ao longo da tarde, a charanga Noroeste animará as merendas campestres.