
A pequena ceense Ana López Canosa gañou na categoría infantil. Hai terceiro posto e finalista locais tamén na de adultos
17 jun 2025 . Actualizado a las 19:50 h.Cando menos tres persoas da Costa da Morte destacaron no VIII Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. Foron case mil as historias presentadas, resultando co terceiro posto na categoría de adultos Rebeca Lema Martínez (1986) con Tan duro, 144 palabras nas que con humor constrúe un personaxe que sorprende. Ten Rebeca raíces en Laxe, aínda que naceu en Coruña e dende o 2013 reside en Polonia, onde exerce a docencia: ten na rúa dende o 2022 o libro de relatos Historias de amor para nefelibatas, así como novelas baixo pseudónimo. Igualmente en adultos, resultou finalista con Seur Marisa Vidal Collazo (1966), docente de Física e Química con varias obras nas librarías, natural de Corme e veciña de Santiago. Do 2022 data asemade o seu primeiro libro individual: Eu son Exeria: lectura feminista dunha viaxe no século IX.
Xa na categoría infantil, a gañadora do primeiro premio resultou ser Ana López Canosa (2013), alumna do CEIP Zalaeta coruñés, mais ceense de orixe. Escribiu A negrura da noite e remonta a ben pequena o seu gusto por ler e escribir, a carón de súa avoa, Concha Blanco, e nai, María Canosa. A colleita de Ana este ano é proveitosa: segundo premio no Concurso Nacional de Contos O Facho, con Trofeo prexudicial, e terceiro premio de narrativa do Certame Literario Concello de Ames, por Reivindicación conseguida. A colleita literaria de Ana está a traer, a bo seguro, un feliz ano para María Canosa, para quen este 2025 está a ser de segundas voltas. Viron a luz reimpresións de varias das súas obras. Ademais da segunda edición de Muriel: caos no laboratorio lácteo, tamén chegou ás librarías a terceira de Escola de bruxas, só uns meses despois de saír do prelo, ambas baixo o selo de Xerais. A comezos deste ano traducíase ademais ao castelán A cazadora de estrelas, en Anaya, logo de que Xerais chegase con este libro á súa novena edición.
RAG, PuntoGal e Luzes, revista que colabora na organización do concurso, entregarán os premios o venres 18 de xullo, no salón de actos da Fundación Luís Seoane, na Coruña.