A Carballeiriña sementa futuro en Baio 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O alumnado do colexio Labarta Pose despediu curso neste espazo natural, achegándose á festividade do vindeiro domingo 29 de xuño

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non puido ser o ano pasado, a causa do tempo, pero este si. Todo o colexio Labarta Pose de Baio clausurou curso na carballeira da localidade, unha festa que deron en chamar Carballeiriña, e que achega aos pequenos e pequenas o espírito desta celebración de veciñanza que, coma sempre, será o último domingo de xuño. Tiveron xogos, música, tiveron maxia con Charlangas e xantar de confraternidade, todos os ingredientes, pois, que tamén hai na Carballeira. Non lles puido tocar mellor día. Tratarán de afianzar a cita.

Un día pleno de xogos e tamén de emoción

Os xogos organizados para os rapaces na carballeira de Baio estaban distribuídos por estacións e tiñan como monitores a rapaces de sexto de primaria, explica a directora do Labarta Pose, Sinda Cundíns. Foi para eles, en concreto, un día de moita emoción: deixan o centro, pasan ao instituto, así que houbo boa cantidade de bágoas, tanto por parte dos que se van como dos que quedan. Máis aínda, tamén por parte do profesorado. Unha mañá intensa que despois tería epílogo na tarde coa festa de clausura de curso organizada pola ANPA. Non lle faltan folgos aos rapaces.