Xa é tempo dese Asalto ao Castelo que semella non ter límites: o que está por vir esta fin de semana
CARBALLO
A vila leva xa varios días inmersa no medievo, máis o groso da programación chegará hoxe e mañá
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Daquela pequena festa folk tralo Pazo de Trasariz á que asistiron escasamente catrocentas persoas, a unha cita que semella non ter tocado teito aínda. Chegou esa época do ano tan anhelada polos vimianceses: chegou o Asalto!
Mónica Rodríguez, alcaldesa, e Manuel Rial, portavoz das entidades organizadoras Cherinkas e Axvalso, pasaron estes días polos estudios de Radio Voz Bergantiños para debullar a programación. Unha programación que, destacaron, se deseñou sempre para agradar a tódalas idades, algo co que se conseguiu que o Asalto non tornase «nun festival dirixido a un único grupo de idade», valorou Rial.
É, non obstante, un evento «extraordinario» —dixo a mandataria— que xa esperta un sentido de pertenza moito máis aló de Vimianzo e que semella non ter límites. «O teito está nese tope de entradas que temos que poñer, e que xa se esgotaron a principios de semana», engadiu pola súa banda Manuel, sinalando que contar con Manu Chao semellou, xa na pasada edición, un fito moi difícil de superar.
Pero sempre hai oco para máis, e para seguir innovando. Avanzaron que nos vindeiros días se publicará unha reedición dese Irmandiño Son gravado en 2015 con artistas e grupos locais, e tamén que cómpre agardar sorpresas moi especiais nese concerto de Alana —voces soneirás— que abrirá a xeira de actuacións da noite do sábado. «Están por presentar novo traballo e tamén estrearán o espectáculo co que xirarán este verán», explicou Manuel, quen tamén destacou a oportunidade que se presentou nesta edición dos Pinchos Irmandiños, por vez primeira, de degustar unha tapa no Pazo de Trasariz.
Representacións itinerantes, Cea Medieval ou unha batucada tinerfeña, así como os concertos gratuítos de Che Sudaka, Monoulious Dop e La Yaya DJ son as propostas máis destacadas para a noite de hoxe, mentres que para mañá, sábado, a oferta comezará dende ben cedo cunha feira de artesanía que, dada a gran demanda recibida, este ano decidiron acoutar en número de vendedores.
«Teremos obradoiros para nenos, xogos de mesa, unha sesión vermú co grupo vimiancés Coído e tamén con Catro nun zoco e despois comezará o Asaltiño, no que será imposible escapar da auga. [ri] Así que, quen non queira mollarse, que non vaia!», bromeou Rial, que continuou falando desas Irmandades Parroquiais nas que este ano se verán representados os cinco concellos do entorno, así como dese pregón que será pronunciado pola «festa irmá de Soneira»: a Carballeira de Zas.
Como novidade, este ano non será posible gozar da representación teatral sen entrada. Será ás once e media, como é costume, e tratarase dunha pequena función «con moita fantasía na que todo ten cabida. Con retranca, e con ese espírito de xuntar presente e pasado», avanzou Rial. Heredeiros da Crus, os húngaros Firkin e Mekanika Rolling Band completarán o menú.