
A Costa da Morte érguese en festas, mais tamén en outras citas culturais: ¡tome nota!
10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tamén hoxe • A maiores da Praza dos Libros de Carballo (ver aquí), outras citas a 10 de xullo na Costa da Morte:
Vimianzo • Quedaría o corpo contento logo da Faguía de onte, mais a festa segue en Carnés, Vimianzo, onde hoxe é o propio día de San Cristovo. Terán misas a cada hora dende as 09.00 ata as 13.00 (solemne), con procesión acompañada de novo polas gaitas de Trubisquiña. Unión y Fuerza encargarse da sesión vermú da mediodía e terá pola noite, na verbena, unha compañeira de excepción: a orquestra París de Noia.
Baio • Sendo Baio capital do automóbil, as festas de San Cristovo na localidade merecen o prestixio que teñen. Hoxe, os gaiteiros de Adro animarán as rúas dende a mañá e están previstas misas ás 10.00, 11.00 e 12.00 horas (solemne), con posterior procesión motorizada. Será un novo desfile de vehículos engalanados. D’Noche encargarase da sesión vermú, acompañada na noite por América S. L. Unha vez chegada a procesión ao campo da festa, será o tempo do pregón, este ano a cargo de Sinda Cundíns, mestra e directora do colexio Labarta Pose.
A Laracha • Comezan as visitas ao castro de Montes Claros, onde se está a desenvolver unha nova fase de excavacións. Descubrir os segredos que agocha será posible os xoves de xullo ás 12.00, da man de Puri Soto, arqueóloga e directora do proxecto de posta en valor do xacemento. Cómpre inscribirse en turismo@alaracha.gal ou 981 604 324.
Corcubión • É día de contacontos infantil no Monte Cambeiro: A hortiña, ás 12.00, con Yago Espasandín.
Dumbría • Como cada xoves e sábado dos meses de xullo, agosto e setembro, hoxe será xornada de ruta guiada ao Monte Pindo, promovida polo Concello de Dumbría. Unha guía de montaña liderará o roteiro Pegadas da Historia, dende O Fieiro (Mazaricos) ata A Moa. De cara a vindeiras datas, é indispensable inscribirse mediante formulario. Ademais, no Conco, ás 11.00, poderá gozarse de Un saco de contos, con María da Pontragha, parte do ciclo Cultura no Camiño.
Lema (Carballo) • Festas por San Cristovo. Misa ás 13.30 e vermú e verbena a cargo da agrupación Mar de Arousa.
Cee • Inician o festexo de San Cristovo en Codesos-Vilanova. Hoxe, pasarrúas coa charanga O Rumbo misa ás 13.00 horas, procesión, sesión vermú co grupo Elebé 2.0 e verbena a cargo de Macro CDC e Elebé 2.0 de novo.
Muxía • Tarde de concertos no cámping Lago-Mar: ás 19.30 horas, Zeltia, Diana & Dani. Tamén é día de obradoiro de maxia na biblioteca municipal, neste caso ás 11.00 horas e da man de Richard Mago co seu obradoir Maker Maxia. Actividade para nenos a partir de sete anos, con inscrición no 981 742 563, segundo informou o Concello.
Corcubión • Está en marcha a novena á Virxe do Carme: rosario e oficios ás 19.30 horas.