
En numerosas localidades da bisbarra continuarán as celebracións ao longo de toda a semana
17 jul 2025 . Actualizado a las 04:48 h.A Costa da Morte débese ao mar, e as festas pola Virxe do Carme amosan cada ano que ese vínculo histórico segue sen perderse. Na ría de Corcubión, a honra á patroa dos mariñeiros fuxiu de localismos. Foi un barco de Sardiñeiro, o Madre Adriana, o que portou á imaxe da Virxe e ao párroco Desiré Kouakou, aínda que para iso houbo que esperar ata case ás 14.00 horas, cando saíu a procesión marítima despois dos actos relixiosos na igrexa de San Marcos.
Xa se levantara entón un forte vento do nordés, o que complicou a travesía á trintena de embarcacións que portaban a unhas 300 persoas. Unha situación que propiciou que a ruta non fose a mesma que case sempre. Non se chegou ao Carrumeiro, senón que a procesión dirixiuse a Caneliñas (Cee) e ao Ézaro (Dumbría), buscando abrigo. Alí, co pedregal do Monte Pindo (Carnota) como testemuña, a Virxe do Carme foi honrada coa típica tirada de flores, que rematou con numerosos gritos de «Viva a Virxe do Carme». De volta ao porto, pasadas ás 15.00 horas, actuou a banda de música de Cee.

Corcubión foi, xunto con Camariñas, un dos epicentros da celebración mariñeira por excelencia. Mais tamén houbo actos en Corme, con procesión marítima incluída; en Zas, onde ademais foi festivo local; en Cee ou en Rodís (Cerceda), onde a música de verbena compartiu protagonismo coa tradicional.
Continúan os festexos en varias localidades
A festa non remata!
Camariñas · Tres xornadas aínda por diante. Hoxe, os devotos levarán de volta á Virxe en procesión na compaña da Danza de Arcos. Tamén haberá sesión vermú, charanga, pasarrúas e verbena con Fuego e Bomba.
Zas · Derradeiro día de festa, con actuación da Banda de Música Eduardo Pondal e vermú e festa amenizadas polo grupo Máster.
Cee · O sábado, se o tempo o permite, haberá inchables, xogos, animación e unha festa da escuma, así como unha sardiñada a partir das 21.00.
Moraime · Festexos mañá venres, sábado e domingo: churrascada, vermú con varios vocalistas, CDC, oficios relixiosos...
Borneiro · Vén aí a romaría do Carme do Briño de Borneiro con dúas xornadas de actividade, se o tempo acompaña: mañá e o sábado.
Barizo · Tres días de verbena e unha macro sesión vermú este domingo.
Cerceda · Pinchadiscos, orquestra Olympus, música tradicional e fogos de artificio, esta fin de semana.
Caión · Día do Corpus, este sábado, coas tradicionais alfombras florais e con teatro de rúa, e festexos polo Carme, con Danza de Arcos incluída, o domingo.
Leiloio · Dous días de festexos esta fin de semana na localidade malpicá.