A tradición imponse ao tempo no Corpus de Caión 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Fiúncho, espadanas, hortensias, sal de cores, cunchas variadas, redes e ata pipas foron a base das alfombras florais: ¡percórreas neste álbum!

19 jul 2025 . Actualizado a las 20:09 h.

Están ben afeitas as xentes de Caión a capear o tempo. Nin a choiva intermitente nin o vento xogaron nin esta madrugada nin esta mañá de sábado a favor das entregadas mans que cumpriron coa tradición das alfombras florais de Corpus, mais aí estaban, e mesmo enriquecidas con novos deseños no Rueiro das Figueiras, no miradoiro sobre o porto ou no barrio de San Roque, onde chamaba a atención unha réplica da Virxe dos Milagres.

Fiúncho, espadanas, hortensias, sal de cores, cunchas variadas, redes e ata pipas foron a base destas creacións que uniron mans veteranas con outras miúdas. Tradicións que axudan a unir pobo e facer comunidade, reflexionaban algúns dos visitantes.

Con todo, si houbo que poñer a cuberto Moby dick, o espectáculo teatral familiar previsto na tarde de sábado. Pasou ao centro sociocomunitario, o edificio da balea. 

Este domingo volverá ser día de festa en Caión, polo Carme: saída da igrexa ás 13.30 para a danza de arcos na Praza Eduardo Vila Fano, baixada ao porto en procesión para a misa de campaña, actuación do grupo de música e baile tradicional Arume ás 20.00 horas e posterior verbena con La Ola ADN, que tamén fará a sesión vermú.