O Couto

Natalia Lema Otero ECOS DE GÁNDARA

CARBALLO

Basilio Bello

04 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivo a escasos metros das beiras do Encoro da Fervenza, pantano que se nutre das augas do Xallas. Durante este domingo, mentres os veciños da parroquia emulaban a antiga feira de Baíñas con pulpeira, os hidroavións surcaban os ceos. Coma todos os veráns, a escena sucédese como epitafio que se repite unha e outra vez sobre a árida superficie dos nosos corazóns. Nestas datas, arde O Couto, arde Ponteceso e a min achicáseme un pouco a alma. Como diría Manuel Rivas, O Couto é un deses poucos almeiros de esperanza, reduto dunha Galicia esquecida, onde esta aldea galega é senlleiro modelo.

Dóeme o peito porque no Couto fun moi feliz. Sempre me sentín coma na casa na Fundación Eduardo Pondal, pero tamén nas súas rúas empedradas, falando cos veciños, sentíndome no meu fogar. Ninguén é foráneo no Couto. Sinto moito o illamento da xente de Corme, a indecisión de non saber se se poderán controlar os incendios e sinto desidia ao imaxinar un lugar tan privilexiado como Balarés sumido na destrución.

Meus curmáns de Irlanda quitaron fotografías do espectáculo sen igual que é a carga de auga do encoro. Simbolizan a loita maxistral de tantos efectivos por terra e aire. Xente que arrisca as súas vidas para que os incendios non cheguen ás casas nin causen estragos de forza maior. Orgullo de homes e mulleres que logran salvagardarnos. Namentres escribo estas liñas, escoito o estrondo das avionetas e sinto profundo orgullo daqueles que traballan incansablemente por nós. Os meus mellores desexos para a xente de Ponteceso, o meu corazón con eles, sempre. Sairedes desta moito máis fortalecidos.