O artista vasco acudirá á aldea do Couto, Ponteceso, para recoller o premio: sábado 23 de agosto
16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Un verdadeiro Bo e Xeneroso, no sentido máis pondaliano do termo». Así é como definen dende a Fundación Eduardo Pondal á persoa que este 2025 farán merecedora do galardón Bo e Xeneroso de Honra: o acordeonista vasco Kepa Junkera, mestre da trikitixa. «En sinal de gratitude pola súa traxectoria artística e pola súa xenerosidade humana (...) Polo seu talento artístico e pola súa condición de persoa comprometida e próxima», engade a entidade con sede no Couto, Ponteceso. Hai xa 15 anos que Kepa visitou esta aldea co inesquecible Pazos de Merexo, deixando aquel decembro do 2010 «unha fonda pegada en todos». Por humildade, por sinxeleza, pola capacidade de conectar a través da música, erixíndose en «símbolo de fraternidade entre culturas, derrubando fronteiras e unindo emocións», referencian asemade dende a Fundación Pondal: «Ponte entre a tradición e a contemporaneidade, levando o son das raíces por escenarios do mundo, amosando sempre un profundo respecto pola memoria e pola identidade dos pobos».
A entrega deste galardón, coincidindo cunha nova edición das Festiletras, será o vindeiro sábado 23 de agosto, ás 18.00 horas, na rúa Travesa do Couto. Irá acompañada dun tributo musical de Pulpiño de Viascón, acto aberto ao público armado baixo a xestión do empresario e dinamizador Pepe Formoso, quen avanza o esencial e máis agardado: «Kepa virá ao Couto».
A vida do artista vasco mudou en decembro do 2018, cando sufriu un ictus que lle afectou de cheo á mobilidade e fala, mais non á súa mente creativa, ás súas ansias de encontro ou ao seu humor. O último concerto antes daquel embate vital fora no Hotel Bela Fisterra, aos mandos de Formoso, e ese foi tamén o primeiro punto ao que volveu na súa primeira saída do País Vasco logo do ictus, en abril do ano 2023: «Aquí me vuelvo a sentir como en casa», quixo trasladar naquela ocasión na que aproveitou, por certo, para achegarse ao Couto.
Na fin do mundo foille regalada aquela xornada unha composición do mestre acordeonista Fernando Fraga, Para Kepa, unha peza que logo, por iniciativa do Bela, nutriu un emotivo e belo vídeo que o vindeiro sábado 23 se proxectará na aldea pontecesá: ademais de Fraga, súmanse nel Néstor Fidalgo á pandeireta e Jesús Manuel Muíño ao bombo. Contra o final deste traballo audiovisual dirixido por Juan Lesta e producido por María Núñez, o propio Kepa corre detrás dunhas gaivotas na praia de Langosteira, facendo delas cometas. Son as súas últimas imaxes andando, filmadas polo propio Formoso, hoxe poesía. Cómpre lembrar, neste ano de Letras para as cantareiras, o profundo vínculo que Kepa tivo sempre coa tradición galega. O disco Galiza é unha mostra, mais tamén o é Erromeriak, no que xustamente traballaba no 2018, tributo ás pandeireteiras e oralidade que acabou vendo a luz.