Voz e baile con mensaxe dende Caión

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

.

«Xuntos, fortes e da man»: así convidou Arume a vivir a tradición no peche da Romaría dos Milagres

18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xuntos, fortes e da man». Así, tirando do colectivo, do «traballo, esforzo e compañeirismo» que trae unha asociación, sen lanzar pedras contra os tellados propios, foi como Esteban Blanco, presidente de Arume de Caión, chamou a camiñar no eido da tradición. Fíxoo no peche da Romaría dos Milagres, durante a exhibición dos distintos grupos da entidade, dende os Miudiños ata o apartado sénior, pasando por Petiscos ou Sabadeira. No torreiro cedido para a ocasión por Paco e Feli, ofreceron ante nutrido público «unha viaxe pola nosa cultura», por unha «cultura viva e en movemento», empregando «música e baile como fío condutor».

Iniciada con mulleres atando redes —as cantareiras Atalaias— e con coplas molladas polos Pescos —escenas dunha vila mariñeira que lembraron «o que eramos como pobo non hai tanto»— foi a do domingo en Caión unha velada de orgullo «do noso». Con ritmo e moita cor, caso da peza Muiñeira de Torea, recollida en Muros, pero tamén con grande simbolismo e elegancia, coma en Moza no adro. Chovía no inicio do pasarrúas, mais a tarde abriu luminosa. Arume ten as portas abertas a todos candos queiran aprender.