
Un documental e unha mesa redonda acreditan en Carballo os novos tempos da improvisación oral
25 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Plantaron de novo o lume da regueifa», dise nun momento do documental Ao son da nova regueifa, un traballo co selo de Undodez-Ainé do que onte se proxectou un avance en Carballo, nas vésperas do arranque do Festival Internacional Outono de Teatro. E ese lume, pode dicirse agora, e pode dicirse máis aínda logo de ver a peza audiovisual, xa non morre. Non vai morrer.
Moi pola contra, avívase.
Os que se viron foron 35-40 minutos dos 70 finais que terá o traballo e que se estreará, de xeito definitivo, no Culturgal, a finais de novembro. «Carballo é raíz, di o lema do FIOT, e a regueifa forma parte desa raíz, tiña que estar no festival», apuntou a edila Maruxa Suárez antes de dar paso ao equipo responsable da obra, á que definiron como «mapa da regueifa», «viaxe emocional». Bergantiños como aldea gala na que se gardaba «a apócema máxica», a variña contra a desaparición —a escola—, o «campo semántico» e de pementos de Pinto d’Herbón, a «onda expansiva» desta arte de improvisación oral («esta é a nosa bomba!»), os valedores Suso e Antonio de Xornes, Lupe Blanco, Xosé Ameixeiras, Carme Pereiro, Manuel Maseda, Séchu Sende, Domingo Blanco, Xurxo Souto, Alba María, Antía Ameixeiras, Sara Marchena, Bieito Lobariñas, Carlos Alonso, Josinho da Teixeira, Sés e moitas outras voces nutren este documental que acredita «unha tribo regueifeira». «De norte a sur, Galicia é un molete de regueifa (...)», «A regueifa é un mundo», dise nalgún momento.
Prendeu na mocidade grazas a unha xeración ponte e conseguiron armar «unha rede de militancia» en torno a coplas felices que quedan nos miolos por sempre. Rapaces e rapazas atoparon nesta arte un xeito de facer festa que lles gusta, e ao tempo practicar a oralidade, e falar galego, reafirmándose na identidade, no ser quen son. Velaí o «o poder transformador». Entra o bicho e non sae: «Botei a primeira copla e non calei máis», ri Josinho no vídeo.

Foi esta a primeira parte dunha completa tarde no Pazo á que o Consello da Cultura Galega sumou a continuación a mesa redonda A arte do canto improvisado: tradición, ensino e perspectivas contemporáneas. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, deixouno claro: «A regueifa vén sendo a proba evidente de que se pode». Aos galegos non lles falta talento, nin capacidade de improvisación, nin musicalidade: «Facíanos falta querer». Aludiu ao «extraordinario» de xuntar xeracións. Alejo Amoedo, director do Arquivo Sonoro de Galicia e coordinador do encontro, puxo en palabras o que sentira como pianista vendo o documental da regueifa: «Hai terapia nesta música (...) Comunidade, colaboración».
Chegou a continuación o saber histórico de Domingo Blanco, encargado despois de moderar a Lupe Blanco e Manolo Maseda, dúas desas revolucións da improvisación de hoxe, leña para «algo que estivo sempre na nosa historia».