Papá concello

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

Imagen de los juzgados de Ribeira.
Imagen de los juzgados de Ribeira. CARMELA QUEIJEIRO

07 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As relacións sociais entre veciños, moitas veces, dependen dun simple valado, dun rego ou da actividade que cada quen desenvolve dentro da súa finca. A convivencia, que debería basearse no respecto e na empatía, convértese en ocasións nun campo de batalla por parvadas. O antigo regulamento de actividades molestas foi derrogado, e hoxe moitos conflitos só poden dirimirse pola vía civil, a través dos tribunais. En realidade, falamos de problemas de comportamento e de civismo, máis ca de cuestións legais de fondo.

Con todo, a reacción inmediata adoita ser acudir ao concello e denunciar. Moitos veciños cren que a administración municipal pode paralizar calquera actividade que lles incomode, mais non é así. A maioría desas denuncias non teñen encaixe nas ordenanzas nin noutras normas de rango municipal. Por iso, os concellos vense obrigados a arquivar ou desestimar asuntos que, en realidade, deberían resolverse doutro xeito.

O certo é que moitas destas liortas precisan máis dun avogado ou dun xuíz ca dun funcionario. E, sobre todo, moitas poderían resolverse no momento, entre bos veciños, cun pouco de diálogo e sentido común. A convivencia non debería depender só das leis, senón tamén do civismo e da capacidade para negociar pequenas diferenzas.

Ás veces penso que nos concellos debería existir un servizo de mediación, con apoio psicolóxico, para apagar os lumes que se prenden por feridas de orgullo ou malentendidos. Porque a maioría destes conflitos non teñen nada de fondo, pero medran ata converterse en guerras inútiles que rompen a paz social, e o aburrimento.