Humanos, sostibles e seguros: así son os polígonos do presente e futuro. Fala Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA)
18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cinco anos despois da pandemia, en Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) amósanse satisfeitos de como marcha a implantación de empresas nos parques que xestiona. «Nestes anos aceleramos o ritmo e veremos como en breve algúns polígonos van cambiar a súa faciana completamente. Como exemplo, o polígono de Cee de hai cinco anos e o que será no 2026, onde estarán levantándose un montón de empresas», afirma Beatriz Sestayo, xerente de SEA dende abril do 2019. A modalidade de dereito de superficie está a traer, di, grandes satisfaccións.
—Avanza a Costa da Morte a un ritmo similar ao resto de parques en Galicia?
—Avanza na media. Algúns polígonos melloran a máis ritmo que outros e son moitas as circunstancias que inflúen. Temos polígonos que xa necesitan ampliar porque teñen esgotado o chan ou que teñen una demanda inmensa, pero, en xeral, a dinámica é moi positiva e constante.
—Que singularidade ten cada parque?
—A Laracha está situada nun eixo atlántico industrial que supón unha das áreas de maior crecemento económico, o que nos ten levado a estar xa tramitando a ampliación mentres esgotamos as parcelas que quedan na primeira fase. Cee e Vimianzo levan un ritmo sen pausa que permite establecer unha dinámica estable de crecemento. Malpica, pola súa banda, é un reto que precisa que tamén o Concello se implique e crea no futuro do parque.
—Xa queda lonxe a idea gris dos polígonos.
—Os parques empresariais teñen que humanizarse, ademais de ser sostibles e seguros, por iso dende hai anos levamos a cabo proxectos que teñen moi en conta estes aspectos, como é o caso da ampliación da Laracha. Ademais, xa contratamos un proxecto de actuación para a mellora do Camiño Inglés ao seu paso polo noso polígono de Cee, que inclúe a incorporación de zonas verdes, así como a implantación de medidas de aforro enerxético. O concepto dos polígonos actuais experimentou unha transformación moi salientable.
—Hai lugar para todo tipo de empresa?
—Sen dúbida. Hoxe case todas as persoas titulares de empresas teñen clara a importancia dos polígonos como paisaxes de ordenación urbanística, de seguridade xurídica para as actividades, e de fixación de poboación, como elemento común. E iso é aplicable para diferentes actividades, dende as máis actuais e innovadoras ata as empresas tradicionais que levan achegando a súa experiencia ao panorama galego.
—Contribúen á ordenación do territorio.
—Os polígonos nacen como instrumentos urbanísticos de planeamento que acoutan espazos para o desenvolvemento de empresas convivindo con humanización, zonas verdes e espazos de dinamización plurais. As tendencias de facer máis vivibles os lugares de traballo atopan o seu espello nas áreas industriais.
—Cales son os retos para esta comarca?
—SEA quere contribuír co seu traballo nos polígonos a fixar poboación e colaborar á prosperidade dunha zona que en Galicia amamos tanto. Todas as accións teñen ese fin.
«Traballar en SEA supón unha axenda diaria de historias apaixonantes»
A relación económica chega ao humano.
—Que significa cada parcela vendida, cada proxecto que comeza?
—Traballar en SEA supón una axenda diaria de historias apaixonantes de persoas que presentan o seu soño: crear una empresa, ampliala, investir no seu municipio, ampliar fronteiras..., e poder acompañalas dende que piden axuda ou información ata ver plasmado ese proxecto. Coñecer proxectos pequenos e grandes, xente diversa cunha característica común, estar ilusionados con proxectos que melloran a vida da contorna e crean emprego. Este cargo dáme a oportunidade de coñecer a moitas persoas marabillosas, das que aprendo constantemente e que me contaxian a diario a súa ilusión e o seu optimismo.
—É un xeito singular de coñecer Galicia a través dos seus parques empresariais.
—Sen dúbida. Mantemos comunicación constante con todas as institucións, pero moi particularmente cos concellos, aos que visitamos con asiduidade. É na Administración local na que se atopa o primeiro chanzo, onde é máis doado o traballo de información e colaboración na execución dos trámites. Cada concello ten a súa singularidade e moitas veces as actividades dos polígonos reflicten a súa alma pesqueira, agrícola, industrial, conserveira, loxística...
—É doado sumar vontades?
—Normalmente, os concellos responden moi positivamente aos nosos proxectos, porque só sumando sinerxías poderemos facilitar o desenvolvemento dos parques empresariais, a implantación de empresas e, en consecuencia, a creación de emprego, que é unha das máximas de SEA.