A obra teatral «Apaga o candil», en formato libro

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

A presentación da publicación, hoxe en Carballo, é unha das citas na Costa da Morte para este xoves 16 de outubro

16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Entre as citas incluídas na axenda deste xoves 16 de outubro cómpre destacar, dentro do programa do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a presentación do libro Apaga o candil, de Cándido Pazó. É a publicación da obra dramática por el escrita logo do encargo do Concello e o festival, e que se produciu coa compañía Contraproducións para ser estreada no 2023, coincidindo cos 30 anos da morte de Carlos Díaz, O Xestal.

Apaga o candil pon en valor e homenaxea a este pioneiro narrador, cómico, humorista e artista total, veciño de Carballo. En canto á publicación, edita Galaxia nun volume conxunto con O proceso, tamén da autoría de Cándido Pazó. Na presentación desta tarde (20.00 horas, Pazo da Cultura) estará presente el mesmo, xunto co escritor e artista Xurxo Souto e o director do FIOT, Alberto Sueiro.

Outras citas

Tamén este xoves avanzará dende Dumbría o Festival Escena Muller (FEM), impulsado por aAntena. Na Casa da Cultura de Berdeogas, ás 18.00, divulgación con Noelia Darriba: Tecendo fíos femininos.

Avanzará ademais en Cerceda o ciclo Mestre Mateo impulsado pola Academia Galega do Audiovisual: no auditorio municipal, ás 20.00 horas, poderá verse As Neves. É xoves de filme, por último, no Espazo da Natureza de Oza, da man da asociación ambiental Senda Nova: xoves de documentais para que os espectadores reflexionen sobre determinados problemas sociais. A proposta deste 16 de outubro (18.00 horas) é El secreto del bosque, de Antonio Grundfeld.