Exhibición da Garda Civil na Laracha ou charla sobre nutrición: así vén a axenda de hoxe na Costa da Morte
CARBALLO
En Dumbría seguen celebrando a Semana das Bibliotecas con actividades en tódolos recintos do municipio
21 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Avanzamos na semana coa seguinte axenda social e cultural, na Costa da Morte:
Dumbría · En Dumbría tamén están a celebrar a Semana das Bibliotecas con actividades nos distintos recintos no municipio. O de hoxe será en Berdeogas e consistirá nun obradoiro de bonecos de trapo, arredor da temática dos xoguetes non sexistas. Dará comezo ás seis da tarde.
A Laracha · A Garda Civil realiza hoxe unha exhibición solidaria no pavillón polideportivo do colexio Otero Pedrayo, no Concello da Laracha. De dez da mañá a dúas da tarde será para estudantes de centros educativos, mentres que de catro a seis estará aberta ao público. Está prevista a asistencia do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde (10 da mañá).
Cee · Continúa o Mes da Fundación Fernando Blanco, desta banda cunha actividade para poboación escolar. Será da man de Rafael Quintía, que pronunciará a conferencia «Unha viaxe polo fascinante mundo da mitoloxía galega». Asistirán alumnos de primeiro e segundo da ESO dos centros Manuela Rial, Agra de Raíces e Fernando Blanco, ás doce da mañá.
A Laracha · Segunda sesión das Xornadas de Promoción da Saúde que desenvolve o Concello da Laracha. Hoxe será na Casa da Cultura da capital municipal, ás sete da tarde, e da man da nutricionista Rita Allegue, que falará do etiquetado nutricional .
Carballo · Continúa o programa da Universidade Sénior cunha nova sesión de humanidades e ciencias sociais, co profesor Manuel Gómez Suárez.