Dende o mediodía ata a noite, xa na Praza Jorge Mira, haberá actividade toda a xornada
25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • A quinta edición dos Premios Fouciño de Baio, festival de curtametraxes impulsado dende a asociación homónima conxuntamente co Concello de Zas e o apoio da Deputación, chega hoxe ao seu terceiro día, o día grande.
No baixo do Edificio Praza, ás 13.00 horas, están previstas as proxeccións de Un peixe é un peixe é un peixe, de Marilar Aleixandre, así como a curta do obradoiro infantil realizada durante o Punto Rojo. Antes de ir xantar, a sesión vermú correrá a cargo de Ramón Carballo e DJ Tristón.
De volta no epicentro dos Premios Fouciño, chegará ás 18.00 horas o concurso das curtas finalistas na categoría xeral e escolar, así como as votacións. Tamén será preciso votar para o concurso de escaparates. Hai 1.800 euros en liza e na categoría xeral concorrerán A pena das troiteiras, de Luján Monteiro e Alba López; Somnia, de Cristóbal Añón; Santa compaña, de Mateo Bouzada; Solposto, de Iago Lourido; Pupa, de Antía Carreira, e Maltrix, de Sandra Ramilo, unha estrea internacional. No tocante á rama escolar foron seleccionados traballos de Vigo, Vimianzo, Laxe, Baio, Aldán e Carballo.
Semella intenso o día en Baio, mais aínda quedará moito para a noite, cando a actividade se trasladará á praza Jorge Mira (22.00). Alí non só se entregarán os premios desta quinta edición do festival, senón que tamén se darán concertos do mellor da música galega actual: logo do showcase de Xián Pais chegarán Antía Muíño (xoga na casa!), Ulex, 9Louro e Toni: «Novos talentos e música en galego», avanzan deles.