«Coidade estes premios», pediu o xurado do único festival de curtas da comarca
27 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Baio xa ten nome propio no panorama audiovisual galego. Labrouse oco cos Premios Fouciño, a cuxa quinta edición lle puxo fin na noite do sábado a entrega de premios. Un festival de curtas único na Costa da Morte e, como dixo Manuel Muíño, rexedor, na súa apertura, mesmo único na provincia.
«Non sabedes o difícil que é levantar un evento coma este. Son moitas horas de forma desinteresada (...) Ver toda esta xente nas proxeccións e os concertos... Coidade moito estes premios!»: foron estas algunhas das palabras do xurado ao público da praza Jorge Mira, ao que tamén se dirixiu Antía Carreira, gañadora da categoría xeral (1.000 euros) co seu traballo Pupa: «Nunca viñera aos Fouciño, dicíanme que é unha sorte que teñades isto aquí e é verdade, que haxa este montón de xente (¡aínda que a xente non cale!)»: iso significa que está vivo o pobo!». O xurado elixiu a curta de Antía pola súa mensaxe, unha reflexión sobre a identidade, os coidados e o habitar corpos nunha sociedade hostil. Tamén pola súa posta en escena, dirección de arte e fotografía, así como por unha banda sonora «inspiradora». No conxunto dos traballos que tivo que valorar, o equipo responsable deste quefacer percibiu «diversidade de linguaxes, técnicas e miradas», risco, liberdade creativa e compromiso, coa emoción e a mensaxe.
Na categoría escolar (500 euros), a ledicia foi para o colexio San Vicenzo de Vimianzo, que presentou aos Fouciño a curta Coas mans baleiras. Segundo o xurado, pola utilización do cinema como recurso educativo, polo traballo en colectivo e pola implicación absoluta do centro á hora de apostar pola educación audiovisual dende a base. «Dende a educación infantil comezan a formarse cineastas», valoraron. Falouse de novas voces que exploran sen medos e sen complexos, «confiando no poder do audiovisual para o cambio». Velaí tamén o espírito dos Fouciño, promovidos pola asociación Premios Fouciño e o Concello de Zas, co apoio da Deputación: divulgar un cinema de proximidade, social, feito case que dende a casa. A mesma aposta fan na música —novos talentos e en galego—, con concertos como de Antía Muíño. Maxia.
O público tivo voz, houbo Fouciño de Honra e trunfou Calzados Paco
Tamén o público entregou premios este sábado en Baio. Así, na categoría xeral, as votacións dos asistentes deron por gañadora á curta Maltrix, de Sandra Ramilo. Subiu ao escenario cos coros de «Altri non» e foi clara: «O meu avó sempre me dixo: ‘Sandra, o raposo en canto pode volve ao galiñeiro’. Manteñamos os ollos abertos». Na rama escolar, con 150 euros como o anterior galardón, elixiu o público o traballo A verdade que calamos, do IES Parga Pondal de Carballo.
Festexouse cada galardón, tamén os da casa, porque os Fouciño deixaron oco para recoñecer o mellor escaparate. Este días, vinte negocios promocionaron o festival dende as súas fiestras. Mereceu o premio Calzados Paco, «fan número 1 dos Fouciño»: leva unha fin de semana no Bela Fisterra. O Fouciño de Honra, premio honorífico, recaeu na anterior organización, por facer posible no seu día que este festival de longo futuro comezase.