As pedras do monte: Pedra, mito e identidade

Carlos Henrique Fernández Coto O FARO

CARBALLO

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os penedos que se erguen nos nosos montes son moito máis ca simples pedras. Segundo explican os xeólogos, formáronse ao final do Paleozoico, nas derradeiras fases da oroxenia hercínica, o gran proceso que modelou amplas zonas de Galicia hai arredor de trescentos millóns de anos. Aquelas masas de granito, nadas no interior da Terra, foron aflorando e erosionándose ao longo dos séculos pola acción do vento, da choiva e do tempo, ata adquirir esas formas caprichosas que semellan talladas pola man humana.

Son, por tanto, patrimonio natural e material galego, elementos fundamentais da nosa paisaxe. Sen eles, Galicia perdería parte da súa silueta, da súa alma mineral. Pero como todo patrimonio material, tamén posúen unha dimensión inmaterial, feita de crenzas, lendas e emocións.

Segundo os antropólogos, as mouras —eses seres míticos que habitan o imaxinario galego— serían as encargadas de pousar as pedras no monte. A tradición oral conta que baixo cada penedo se agocha un tesouro, gardado por unha moura que se deixa ver en noites sinaladas, como a de San Xoán ou a madrugada do Domingo de Pascua, cando os mundos se achegan. A moura senta no penedo e, mentres se peitea co seu peite de ouro, entoa unha cantiga melancólica que fala do seu desterro e promete riquezas a quen consiga desencantala... sempre que non a tente enganar.

Así, estas pedras non só forman parte da paisaxe natural, senón tamén da paisaxe simbólica e ritual do país: unha paisaxe habitada por lendas, pola memoria colectiva e polo misterio.

Moitos destes penedos sitúanse en lugares de poder, nas alturas e nos outeiros desde os que se domina o territorio. Está documentado que foron templos pagáns do pobo celta, que vía neles a presenza dos deuses e das forzas da natureza. Coa chegada do cristianismo, moitos destes espazos conservaron o seu carácter sagrado: erguéronse mosteiros e capelas nas súas proximidades, como o de Carboeiro, ou máis tarde pazos fidalgos, continuando así a tradición de ocupar os lugares de poder e reinterpretar a espiritualidade antiga baixo novos símbolos.

O problema é que hoxe moitos deles están ameazados polo esquecemento, o espolio ou o vandalismo. Adoitan carecer de protección patrimonial, porque durante moito tempo non se entendeu que tamén forman parte do noso patrimonio.

Inventariar

Agora que coñecemos o seu valor, cómpre inventariar, catalogar e protexer estes conxuntos pétreos e as paisaxes que os acollen. Non abonda con conservar a pedra en si: hai que preservar tamén a súa contorna, a vexetación, a atmosfera que lle dá sentido. Só así poderemos evitar agresións como as plantacións de eucaliptos, as canteiras ou as infraestruturas mal planificadas, que rompen a espiritualidade e o equilibrio do lugar.

Os penedos do monte son a memoria viva da terra e do pobo galego. Falan dunha antigüidade que nos transcende, dun tempo en que o natural e o sagrado eran unha mesma cousa. Coidalos é coidar o que somos.

(*) Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego