A Costa da Morte revive os cantos de taberna

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Unha das imaxes que deixou algunha edición anterior dos Cantos de Taberna
Unha das imaxes que deixou algunha edición anterior dos Cantos de Taberna .

Rapacollón's reunirá este sábado en Fisterra 14 grupos que peregrinarán por unha ducia de locais. Pero tamén en Caión, Laxe, Carballo, Lires ou Muxía os andan recuperando

05 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado • 19.00 horas • Vida na fin do mundo, no finis terrae. O Outono Cultural da asociación Rapacollón’s, en Fisterra, inclúe para este sábado 8 de novembro unha nova edición de Cantos de Taberna, con 14 agrupacións percorrendo unha ducia de locais: «Foi no 2022 cando comezamos con este formato, aínda que xa no 2017, cando nos fundamos, faciamos algunha actuación deste tipo, un día nun bar, outro noutro... Apostamos por poñer en valor a música tradicional», conta Gabriel Riveiro, Bebeto. Hai unha parte que é algo máis contemporánea —o ir acompañados de instrumentos— e outra herdada moi de atrás: «Supoño que tamén en moitas outras vilas coma a nosa, o que había era tradición de homes cantando nas tabernas. Iso perdeuse, pero a xente maior acórdao», afirma Riveiro.

As cancións mariñeiras que traen Os Tazas, por exemplo, lembran aqueles tempos. Chegan eles dende A Estrada, pero ata Fisterra tamén se desprazarán este sábado agrupacións de A Illa de Arousa, Teo, Laxe, Muxía, Santiago, Cee ou Muros, ademais da propia vila: «Comezaremos ás sete da tarde, con música simultánea en todos os locais. Cada grupo, 45 minutos en cada bar e, logo, 10 para o cambio. Serán tres circuítos. Sae un grupo e entra outro», precisa Bebeto.

Hai un bo número de formacións repetidoras, que xa coñecen este bo ambiente, ao que poñerán fin, sobre as 22.30 horas, no local número 13, o Manhattan, cunha foliada aberta e uns pinchos cortesía da organización para os artistas: «Animación toda a tarde e esperemos que boa parte da noite». Saben por edicións anteriores que a resposta «é moi boa», cun «formato moi atractivo», opción de escoitar diversidade de propostas e unha implicación dos grupos «digna de agradecer»: «Veñen pola consumición que dan nos bares e por eses pinchos finais. Poñen todas as facilidades e mesmo se aloxan aquí. Doutro xeito, para nós como asociación sería inasumible traer 14 grupos a Fisterra». Un xeito distinto de facer festa, comunitario, participativo, identitario, con raíz.

A cita fisterrá, en detalle

As agrupacións: Os Tazas (A Estrada); Son dos Michos (Fisterra); Son da Illa (A Illa de Arousa); Can de Ghaiteiro (Teo); Sib do Solpor (Costa da Morte), Maruxía (Laxe); Queloutros (Añobres-Muxía); A Tripulasión (Fisterra); Chihomechi (Santiago); @s do Berrón (Fisterra); Peta Forte (Cee), Abelleira E. (Abelleira-Muros), Nin Chica nin Patacón (Costa da Morte) e Os Sentenarios (zona Muros).

Os establecementos: Alara, O Rincón, A Galería, Arco da Vella, Real, Madrid-Berlín, O Centolo, A Cantina, Mariquito, Mac Dous, O Canario, Prestige e, finalmente, tamén o Manhattan.

ANA GARCIA

«Polo visto, antes, cantar e respirar ían xuntos»

Esteban Blanco preside Arume de Caión. Cando asumiu a directiva e viron que rumbo tomar, optaron por «recuperar o que xa sabiamos que había, patrimonio inmaterial». Foi así como se achegaron á xente maior, informantes, para facer gravacións, «ver en que contextos se facían cantos e bailes, para gardalos, para que non se perdan». Bergantiños foi sempre zona de baile, mais en Caión non había esa tradición de voces femininas con pandeireta como si podía haber en Carballo ou Malpica. «O que si había era cantos de taberna ou cantos de xuntanza, pezas das que ao mellor non nos sabían dicir a orixe, pero que aquí sempre se escoitaron e cantaron», conta Esteban.

«Moitos amosábanse estrañados de que a xente nova non cantásemos. Polo visto, antes, cantar e respirar ían xuntos. Non se entendía unha vida sen cantar. Cantaban en soidade, lavando, no mar, no bar, nas sobremesas das vodas, nas verbenas... Era un xeito de vivir, expresar, socializar, algo moi unido ao que foi a vida neste pobo mariñeiro», engade. Recolleron en Arume Camiño de Caión, pandeiradas, cantos populares e outros incorporados ao repertorio de xeito natural, escoitados mesmo na radio, pezas que tan ben soan hoxe en voces como as de Os Pescos, unha das agrupacións de Arume: «Antes cantábase a capella e se había algunha vez un acordeón ou instrumento de vento que acompañase, benvido. Pena non ter empezado a recoller 20 ou 25 anos antes, o repertorio sería maior».

ANA GARCIA

«Son recordos que quedarán para sempre»

Raquel Lema, concelleira de Cultura en Laxe, aínda lembra aquel sabor que ela asociaba aos cantos de taberna pola vila, dos que participaba seu avó, xa falecido, e que ela acorda acompañar sendo unha pequena: «Zume de melocotón e cacahuetes». Para o pasado 1 de xuño, o Concello, dende a área de Comercio, Hostalaría, Cultura e Turismo tiña previsto precisamente unha edición inaugural de Cantos de Taberna, mais optouse por suspendela dado o grave incendio que nas horas precedentes afectara a un edificio deixando a varias familias «co posto». «Non era o momento de facer festa», estima.

A idea, con todo, non decae, e confían en recuperala a comezos deste próximo 2026: «Meu avó ía coa harmónica e outros levaban cunchas, acordeón... Todos amateur, amigos que se xuntaban e que mesmo acababan bailando cunha botella enriba da cabeza. Os nenos acompañabámolos moitas veces. Son recordos que quedarán para sempre». É por iso que se decidiron a recuperar, da man de Maruxía, un pouco daquela tradición. Sen ser nin asociación, nin charanga, noutrora armaban festa e recibían dos bares algunha invitación: «No Nadal tamén se facía». No caso de seu avó, que non lía nin escribía, todo era «aprendido e tocado de oído». «É unión, é cultura... Se non se conserva o que houbo, pérdese (...) Morre a persoa, e parece que non existiu nada», estima Raquel.

Opción formativa en varias entidades

María Haz, dende Carcaxía (Seaia, Malpica), di que hoxe hai varias asociacións na comarca nas que é posible participar de cantos de taberna: «Isto hai tres-catro anos, eu non teño recordo de que fose así». Por terceiro ano, Carcaxía ofrece esta opción como actividade formativa, continuación dunha tradición que existía en Malpica —aínda hai exemplos—, trasladando o canto espontáneo nun ambiente de diversión a outro máis formal ou ensaiado. Percibían persoas interesadas só en cantar, non tanto en cursar tal ou cal instrumento, por máis que a musicalidade acompaña ben. Cre que parte do poder de atracción vén do carácter popular da música.

Nemeth e Arume de Berdillo, en Carballo, tamén ofrecen os cantos de taberna como proposta formativa. Dende Arume, aínda sen esa tradición como tal que si tiñan por Malpica, alude Belén Mato ao mesmo motivo: «Había xente á que lle gustaba cantar, pero ao mellor non vir a clase de pandeireta. O primeiro ano foi como un obradoiro, actuaron no Albaroque e a partir de aí xa se foi medrando. É un grupo mixto, homes e mulleres». Tanto gustou esa música festeira que por cifra de alumnos mesmo houbo que ir a un espazo máis grande.

Lires, Muxía ou Vimianzo, entre as novas tandas

Dende Pedras Miúdas de Lires (Cee) levan dous anos promovendo festa con cantos de taberna. Detrás da proposta, aínda non formando parte da entidade, está Tomás Lagoa, que nas súas conversas con maiores da contorna documentou non tanto esta disciplina, senón foliadas, regueifas e ata Cantos de Nadal, contaba onte referenciando ademais o libro Eu tamén fun pequena, de Concha Blanco. O obxectivo: dinamizar a localidade e os establecementos. Tense feito tamén en Muxía e mesmo o ano pasado na Muiñada de Vimianzo, con Trubisquiña e Farrapos: «Resultou moi ben», indica Manuel Rial dende a asociación Cherinkas, organizadora desta antropofesta. Gusta a espontaneidade.