O dúo Caamaño & Ameixeiras afianza a internacionalización da súa música dende Canadá
CARBALLO
Participan no Mundial de Montreal 2025, un dos encontros máis importantes da música de raíz en América do Norte
18 nov 2025 . Actualizado a las 15:33 h.«Cremos no proxecto e, ao final, cando lle pos alma a algo, sae adiante». Sabela Caamaño (Oza dos Ríos) e Antía Ameixeiras (Baio-Laxe) pronunciaban estas palabras alá a finais do 2023, co seu segundo disco, Quitar o aire, acabado de ver a luz. Todo e incluso máis do que daquela podían soñar con este novo traballo fíxose realidade, tanto que as dúas artistas veñen de cruzar o Atlántico para levar estes días a súa música a Canadá. A viaxe suporá un paso importante de cara aos seus obxectivos a medio prazo: abrir o mercado norteamericano, consolidar redes e sentar as bases de futuras xiras por Canadá e Estados Unidos. «Supón un avance importante na internacionalización do proxecto», trasladan Caamaño e Ameixeiras: «Pechamos este ano da mellor maneira posible. Un orgullo levar as nosas cancións a un escenario tan emblemático».
Austria, República Checa, Eslovaquia, Italia, Francia, Portugal, Azores, Países Baixos, Alemaña ou Bélxica son algunhas das latitudes que lles permitiron ata o momento ampliar fronteiras, presumir polo mundo dunha música feita e sentida en galego, raíz da que exploran novas sonoridades en torno ao violín —Antía— e o acordeón —Sabela—. A viaxe a Canadá do premiado dúo responde á participación no Mundial de Montreal 2025, un dos encontros máis importantes da música de raíz en América do Norte, presenza posible grazas á selección de Sounds from Spain, plataforma impulsada por ICEX e Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) para apoiar a proxección internacional da música española. Actúan Caamaño & Ameixeiras este martes no Cabaret Lion d’Or, presentando o seu proxecto a programadores, axentes e profesionais do continente.