«A escola en galego é desexable e posible»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

RAG e Deputación entregaron ao colexio Milladoiro de Malpica o primeiro premio Na lingua que eu falo

17 nov 2025 . Actualizado a las 22:06 h.

«Neste colexio os nenos falan en galego, xogan en galego, debuxan en galego, fan radio en galego, pelexan en galego, divírtense en galego... Os seus mestres e mestras son como xardiñeiros que plantan nesas sementes que son os pequenos». Foron palabras pronunciadas este luns en Malpica sobre o centro educativo Milladoiro, saídas da voz de Fina Casalderrey, académica numeraria da Real Academia Galega (RAG) e coordinadora do proxecto Primavera das Letras coa que dende esta institución conectan co público máis novo.

Casalderrey conduciu no centro cívico un acto no que RAG e Deputación, facilitadoras do galardón, entregaban ao Milladoiro o primeiro Premio Na lingua que eu falo. Tamén o fixo o presidente da Academia, Henrique Monteaguado: «Este é un premio a un centro que é exemplo para Galicia, exemplo de que se pode facer escola en galego, de que a escola en galego é desexable e posible. Contra calquera temor, contra fantasmas, demostrades con agarimo e cariño cara a lingua que, con compromiso, pódese. O galego non é un problema, é unha solución, e de maneira especial no eido educativo».

Na Lingua que eu falo é un premio creado neste 2025, «ano redondo», dixo Casalderrey, ano das cantareiras. Ten a vontade, como expresou a deputada provincial Soledad Agra, de recoñecer iniciativas, experiencias ou persoas que destaquen polo seu traballo «con dedicación e intelixencia» a prol da normalización do galego entre nenos e nenas, como é o caso do Milladoiro con propostas como Dicholeo, Radio Balea, Galicómic ou o seu Diccionario malpicán, do que foron desfilando termos nas intervencións de alumnado de quinto e sexto: atalora, campal, che, meu ou tamén becheche.

Aplaude o premio o labor do equipo docente, o do alumnado e familias, e mesmo a toda unha comarca, Bergantiños. «Hoxe é un día de festa, dá igual que chova», dixo Casalderrey. Ana Seoane, directora do Milladoiro, falou de compromiso, de valores, de orixes, raíces. Agradeceu a todos cantos traballan para que isto fose posible, tamén a presenza de representantes do CFR e da mestra da memoria Teresa dos Cucos, por certo de aniversario.

Eduardo Parga, alcalde, agradeceu que a RAG volvese a Malpica, logo dun 17 de maio histórico en Mens. Aludiu ao compromiso e traballo no Milladoiro: «Unha maneira de entender a educación, o galego como lingua útil, fermosa e plenamente válida para expresarse e para ensinar».